Monday, August 29, 2005

Carta aberta aos enemigos da gheada

Vou publicar aquí un artigo que, por desgraza, lin o outro día e que merece, senón a bronca que o segue, como mínimo un pequeno comentario. Como estou cabreado cáelle a bronca. Que se lle vai facer...

"As vodas con Ghlamour"
(Galicia Hoxe, 25-08-2005)
Juan Pablo Castel.
É tempo de vodas, de traxes á medida e inoportunas costuras, de enchentas, de felicitacións. De novos rumbos. Hainas clásicas, uns dous terzos de familiares e o resto amigos; hainas cunha proporción inversa das que só lembramos o inicio.
Tamén existen eses convites cheos de "ghlamour", que é algo así como o glamour montado en tractor. As gámbas sérvense peladiñas todas e as formas substitúen á espontaneidade que se desprende das terrenais. É como substituírse por outra persoa durante un día. Por qué se antes chuchabamos as cabeciñas deste marisco agora non o facemos. Será polo que poidan pensar. Tranquilos, noiv@s , xa temos unha opinión. (sic).
Cando lin esta noticia deime conta dun detalle: este tío vén por min. Vou parafrasear a admiradísima (tamén coñecida como María Yáñez) cando explica o seu grande teorema matemático: A: Ándaas buscando (si, xa sei, por que se temos, de noso, estar piando por elas...? pero repito que estou parafraseando unha autoridade incuestionable). B: Ten ben onde levalas. Entón, a saber: A+B=C Plaff.
C: En primeiro lugar, teño que comunicar a repulsa a este artigo expresada polo comité do GhSF: Apréciese que a gheada está interpretada como sinal de ignorancia (Ghlamour= glamour+tractor) e ruralismo cando grandes zonas urbanas estarían incluídas dentro da área gheadense, e máis que van estar cando esta organización consiga os seus fins: conseguir que a gheada chegue, polo menos, ata o comezo da área lingüística éuscara.
Este uso da gheada como marca de ruralismo e ignorancia é un dos ataques máis frecuentes contra as variedades lingüísticas galegas, feito que se agrava cando provén, coma neste caso, dunha persoa que inflúe na opinión pública ou dunha filóloga, para máis INRI especializada na defensa das linguas e variedades en perigo de extinción, que tamén se ten dado o caso.
Como segundo termo, para que vexades o xogo que dá unha frase desafortunada (Ghlamour=glamour+tractor), unha vez máis aparece unha identificación do traballo agrícola e gandeiro, así coma da vida no medio rural, coa ignorancia, incultura e, case, coa falta de educación. Este problema xorde, de base, dun concepto erróneo de cultura, co que se demostra que o autor da célebre frase non gozou das maxistrais leccións de Gondar Portasany coma o humilde labrego e gheada-falante que asina estas liñas. Podería dicir que, polo mesmo, hai "tractoristas" con máis cultura ca el, pero, como eu si que tiven a oportunidade de aprender o significado verdadeiro da palabra cultura vou empregar un insulto máis apropiado: ETNOCENTRISTA URBANITA (Insulto patrocinado pola Asociación de Gandeiros do Xallas e pola Sociedade de Maquinaria en Común A Pereira-Mallón).
Xa por último, e para demostrar que me atizou en todo, como algúns saberedes eu traballo no que en castelán se denomina BBC, é dicir, Vodas, Bautizos e Comuñóns. Así pois, como especialista na materia, polas súas opinións podo deducir que é o típico cliente que estuda un libro de protocolo antes de ir a unha voda, pero despois acaba comendo as vieiras co coitelo da carne. Deste tipo e doutro denominado "Alcaldes aos que dá noxo ver comer" están, por desgraza, os salóns de vodas cheos. Quero expresar, pois, a repulsa dos camareiros de Casa A. a este artigo.
Como conclusión, vou aplicar unha variante do teorema Yáñez: A: Estalas buscando, B: Tes ben onde levalas, C: Tiña unhas ganas de darchas que flipas. A+B+C=D. D: Vídem Blog.

Tuesday, August 23, 2005

os talibáns da ghaita (previsión)

En primeiro lugar, o título está así en homenaxe aos teletipos que eu no meu traballo (podería dicir prácticas, pero hai veces que traballo de carallo, así que...) leo a diario. Ao clicar neles digamos que che pon a mel na boca, pero ata de alí a media hora (+/-) non te enteras de nada da noticia. Eles dinche que pasou algo, pero ata que o redactor preghiseiro de turno non a acaba non cha mandan como é debido.
Así pois, este é o aviso da próxima publicación sobre os famosos talibáns da ghaita, tamén coñecidos como recunchianos palleteiros, que hoxe non penduro neste blog por falta de tempo, e que estou elaborando a petición popular, considerando ao Ulmo como un fragmento representativo da populación. Axiña nas súas pantallas...

Wednesday, August 10, 2005

Minuto e Medio

Por último hoxe (e pouco non me parece), quero seguir os pasos do meu criticado por excelencia e, por moito que me doa, vou contradicir as teorías da miña admiradísima María Yáñez (como te queremos!).
Sei que a miña pequena parida literaria dista moito das elaboradas polo actual xenio da Terra Chá, posto que herdou trala morte de Manoel María, (por certo, Ulmo, o ingreso na conta bancaria de sempre, xa sabes..) mais, e xa que a miña cabeciña non dá para crear nada mellor, polo menos que a vexa alguén. As críticas, coma sempre, serán benvidas, por seren xustas e necesarias. O título é provisional, así que tamén se admiten suxerencias. Non ten significado ningún, simplemente é o tempo que me levou a compoñer as liñas tortas que seguen, exactamente 1´28´´. A ver que vos parece:
Foise devagar, tal e como viñera. As pingas de auga que levantaban as súas zapatillas de deporte, sempre demasiado vellas, pero sempre impecables, escorrían lentamente polas pedras da zona vella de Compostela á procura doutro bar, doutra barra e doutra cervexa que o devolvera á vida.
Camiñaba sen mirar atrás, coma se o pasado o perseguira a cámara lenta nunha patética película en branco e negro. Atrás quedaba a loita, a amizade, os amores e tantas outras cousas que xa non podían voltar. Por diante del non había nada, só aquela mesta cortina de auga que se convertía en infinidade de arcos da vella ao se reflectir nas luces que os focos proxectaban sobre os edificios e monumentos máis emblemáticos da cidade, e que lles conferían un aquel de halo lendario que tanto o tiña fascinado ata había uns meses, uns días, uns instantes quizais. Todo aquilo rematara xa.
Soliña lembrou aqueles tempos do apartamento de estudantes que compartiran, entre cabichas mal apagadas no cinseiro e restos de pasta con tomate nos pratos sen lavar do vertedoiro. Mentres que o vía marchar, ou fuxir, que non sabía ben o que estaba pasando, viviu de novo aquelas conversas a media voz, todos sentados ao redor da mesiña do salón pensando nun mundo mellor, nunhas vidas que a todos deixaran satisfeitos e nunha utopía na que crían, aínda sabendo que era imposible. Os cigarros pasando de man en man, os vasos de viño ou cervexa indo unha e outra vez da mesa á boca e da boca á mesa... Recordos. Esa puta disfunción cerebral que aplica un papel de filtro para que só lembremos as cousas boas e fai que o presente, por non falar do futuro, nos pareza unha merda.
Viuno desaparecer ao dobrar a esquina, tal e como desaparecía a auga da chuvia, que se demoraba nos tellados e se deixaba ver caendo das gárgolas durante un instante, para desaparecer escoándose polo sistema de sumidoiros. A nostalxia é, coma o recordo, unha grande puta...
Aí queda iso. Ala, agora a criticar, que para iso estamos.

por que, por que?

Quéro reflectir nesta leiriña cibernética unha pregunta que nos vimos facendo moitos dende fai moito tempo, mas que contralapela (alias parte de atrás) do Dicionario Cumio de Expresións e Frases Feitas Castelán-Galego aparece expresada con palabras ben fermosas, por certo. Aí vai:
- Por que "a terceira vai a vencida" se temos, de noso, "ás tres hai vez"?
- Por que "poñerse as botas" se temos, de noso, "enche-las canizas"?
-Por que "tirarse da moto" se temos, de noso, "botarse polas pozas"?
-Por que "andalas buscando" se temos, de noso, "andar a piar por elas" ou "andar facendo nelas"?
-Por que "á vellez viruelas" se temos, de noso, "de vello gaiteiro"?
-Por que...?
Paréceme unha ben bonita maneira de expresar esa dúbida existencial que temos moitos de nós. Por que...?

abelix provii (II)

Antes de comezar con esta nova entrega do que promete ser unha serie na que vou intentar debullar os erros máis correntes na música folk e tradicional, quero aceptar as críticas e pedir desculpas por publicar no blog os erros sen antes comunicalos persoalmente. Isto derívase da queixa procedente do cenáculo ourensán do folk, tal e como se me filtrou dende a revista folkus achegada, cousa obvia sabendo quen son os autores desa grande publicación, ao citado conxunto de grupos e músicos procedentes de Auria. Volvo, porén, a unha nova entrega porque a miña teoría foi aceptada por moitos dos que cometen o erro da anterior edición e as súas queixas derívanse de que "iso haino que dicir antes, coño" (sic). Visto así, creo que é xusto e necesario seguir debullando e intentando emendar eses pequenos erros que todos cometemos cando cantamos cancións da nosa terra. Embarcamos:

-O erro desta vez radica do feito de que para cantar folk é preciso ser galego falante, senón a cousa ponse moi difícil e vemos erros coma o que nos ocupa. Afortunadamente, os que cometen este erro non son a multitude de grupos que versiona a canción en cuestión, senón os que a cantan espontáneamente.

- A canción en cuestión é a celebérrima oh meu amor se ti fores, da Brigada Vitor Jara. O erro provén da confusión para os non paleo-falantes entre eu tenho d´ir acabar(e) e * eu tenho d´ir a cavar(e). Así o outro día atopei xente cantando unha curiosa versión na que o verso en cuestión se modificaba cun sinónimo, incorrecto, claro, e dicía: eu tenho d´ir a sachar(e), co agravante de que a interfecta en cuestión intentaba reproducir a pronuncia portuguesa (ou galega do sul) de [tS] (por certo, que o blog debería ter o alfabeto AFI entre as súas fontes, que senón isto complícase moito; inda así creo que se entende).

- Penso que non hai moito que debullar neste erro, mas imponse unha bronca. Señores (neste caso concreto, señora) se vostedes pensan que un acto de amor é ir coa legoña a onde repousan os restos do amad@ quere dicir que o seu concepto de romanticismo dista moito do meu, que creo, modestamente, que neste caso se achega máis ao dos autores da canción, xa que pouco máis bonito pode haber que desexar morrer xunto á persoa amada, como mostra de fidelidade á altura das máis bonitas de Dante Alighieri ou de calquera dos nosos trovadores, que non dubidaban en morrer ou coitar por amor.

- Así pois, non escarallen vostedes unha das letras máis fermosas da historia da música, e intenten modificar as súas condutas lingüísticas, xa que do mencionado a berrar Árdele el eje, robledal hai un paso ben pequeno.

Pois iso, que Acabare, non a cavare.

Tuesday, July 26, 2005

abelix provii

Como algún dos poucos lectores deste modesto blog saberán, eu non podo opinar de moitas cousas, mais bótolle valor e opino das que controlo un pouco. Como se deducirá do título, vou nestas liñas tratar un erro, non moi grave, mais que é froito do descoñecemento nunha área na que eu, modestias pra que?, domino ata certo punto. Comezamos:
Todo nace nun concerto de Mutenrohi en Negreira no que Fasero (que desfase de home) comenta nunha das presentacións (o que en tv se chamaría intro) que o protagonista da canción tiña que ir asiduamente á citada vila, xa que así mesmo o menciona a letra da canción en cuestión. Para non reproducir a letra enteira, que supoño que, malia a ser tradicional, terá copyright, vou indicar só o fragmento que me ocupa. Dí "Como hei de ir agora/alá a Negreira/ a mercar patacas/ e mailas lentellas". A priori todo ben. Un fulano que se vale da súa burra para as súas actividades comerciais e que, trala morte desta queda desamparado ao quedar sen a súa principal ferramenta de traballo, ademais de perder unha "compañeira", un animal ao que lle garda aprezo. Pois ben, aquí comeza a análise:
A feira de Negreira, en efecto, supuña un grande volume de transaccións no que a produtos agrícolas se refire, polo que non é raro que o noso protagonista se trasladara alí a mercar patacas. Outro cantar échevos o das lentellas. Non é que eu me caracterice polo meu dominio da horticultura, pero o meu pai, que si, intentou miles de veces sacar lentellas na zona de Negreira e como tiveramos que comer delas íamos aviados. Iso agora, que cos métodos agrícolas actuais podes sacar leituga dun anaco de granito, alias pedra. Entón, queda totalmente descartado por cuestións agrícolas que Xosé de Blanco mercara lentellas en Negreira, a non ser que entrara nun supermercado. Visto o erro, imos á procura de solucións:
O primeiro paso é buscar termos que rimen con Negreira en asonante, isto é que rematen en Consonante(s)+e+consonante(s)+a. Ese termo ten que ser un produto agrícola de consumo fundamental e que se producira con abundancia na zona e, polo tanto, estivera moi presente nas feiras. Soa difícil mais penso que atopei a solución: HERBELLAS. Por se alguén se perde tamén lle pode chamar FABAS.
- O uso das herbellas non é propiedade da vella de Litoral, nin tan sequera de Asturias, senón que é un ingrediente fundamental da cuase única comida diaria en Galicia ata non fai moito: O Caldo.
- As herbellas danse en toda aquela zona cunha profusión que ás veces roza o paranormal, polo que se xeraban moitos excedentes. Está claro: Agricultura de subsistencia+excedentes= comercialización. Ergo, era un dos produtos máis habituais das feiras ata non fai moito. De feito, eu aínda recordo unha profesión, os herbelleiros, que eran uns fulanos máis pillos que Dios, e perdón pola expresión, que se dedicaban ao comercio deste produto. O de que eran pillos dígoo por que tiñan unha concepción da medida unificada un tanto peculiar, polo que tiñan un sistema métrico decimal propio que os levaba a empregar unha báscula diferente en función de se compraban ou vendían, en función de para que lado estivera trucada. Iso facía que os agricultores foran ás feiras cunha pesa romana debaixo do brazo, ás veces trucada tamén. O cristo, ben se ve, estaba asegurado. Boa mostra tamén dese oficio é a antroponimia. A zona en cuestión está pragada de xente que ten como apelido FABEIRO. Creo que non lle hai que botar moita imaxinación.

Ergo, a canción orixinal posiblemente dixera "Como hei de ir agora / aló a Negreira / a mercar patacas / e mailas herbellas". Como vedes, a miña teoría é, canto menos, posible, así que xulgade vós, pero que conste que este texto vai dedicado a Xose de Blanco e máis á burra, á súa "compañeira".

Por último, e facendo honor ao título do texto, herbellas, non lentellas.

Tuesday, July 19, 2005

e haberá que probar

Polo que se ve, andamos todos adevecidos por entrar nun mundo virtual que, certamente, nos é dado, en tanto que cada vez é máis doado acceder a el. Neste novo mundo ao que algúns nos que se inclúe o que suscribe, non damos alcanzado por falla de formación ( e tamén de interese, que as cousas obvias non se poden ou polo menos non se deben negar) proliferan coma fungos nalgúns baños os blogs, ese espazo no que cada quen, con máis ou menos acerto, libera angurias e alegrías que compartir, xa que, e parafraseo anagnórise, entre dous as alegrías compartidas tocan a máis e as angurias confesadas tocan a menos. Así pois, navegantes, aí vai o meu.