Wednesday, August 10, 2005

abelix provii (II)

Antes de comezar con esta nova entrega do que promete ser unha serie na que vou intentar debullar os erros máis correntes na música folk e tradicional, quero aceptar as críticas e pedir desculpas por publicar no blog os erros sen antes comunicalos persoalmente. Isto derívase da queixa procedente do cenáculo ourensán do folk, tal e como se me filtrou dende a revista folkus achegada, cousa obvia sabendo quen son os autores desa grande publicación, ao citado conxunto de grupos e músicos procedentes de Auria. Volvo, porén, a unha nova entrega porque a miña teoría foi aceptada por moitos dos que cometen o erro da anterior edición e as súas queixas derívanse de que "iso haino que dicir antes, coño" (sic). Visto así, creo que é xusto e necesario seguir debullando e intentando emendar eses pequenos erros que todos cometemos cando cantamos cancións da nosa terra. Embarcamos:

-O erro desta vez radica do feito de que para cantar folk é preciso ser galego falante, senón a cousa ponse moi difícil e vemos erros coma o que nos ocupa. Afortunadamente, os que cometen este erro non son a multitude de grupos que versiona a canción en cuestión, senón os que a cantan espontáneamente.

- A canción en cuestión é a celebérrima oh meu amor se ti fores, da Brigada Vitor Jara. O erro provén da confusión para os non paleo-falantes entre eu tenho d´ir acabar(e) e * eu tenho d´ir a cavar(e). Así o outro día atopei xente cantando unha curiosa versión na que o verso en cuestión se modificaba cun sinónimo, incorrecto, claro, e dicía: eu tenho d´ir a sachar(e), co agravante de que a interfecta en cuestión intentaba reproducir a pronuncia portuguesa (ou galega do sul) de [tS] (por certo, que o blog debería ter o alfabeto AFI entre as súas fontes, que senón isto complícase moito; inda así creo que se entende).

- Penso que non hai moito que debullar neste erro, mas imponse unha bronca. Señores (neste caso concreto, señora) se vostedes pensan que un acto de amor é ir coa legoña a onde repousan os restos do amad@ quere dicir que o seu concepto de romanticismo dista moito do meu, que creo, modestamente, que neste caso se achega máis ao dos autores da canción, xa que pouco máis bonito pode haber que desexar morrer xunto á persoa amada, como mostra de fidelidade á altura das máis bonitas de Dante Alighieri ou de calquera dos nosos trovadores, que non dubidaban en morrer ou coitar por amor.

- Así pois, non escarallen vostedes unha das letras máis fermosas da historia da música, e intenten modificar as súas condutas lingüísticas, xa que do mencionado a berrar Árdele el eje, robledal hai un paso ben pequeno.

Pois iso, que Acabare, non a cavare.

2 comments:

Ulmo de Arxila said...

Breve e contundente coma sempre, Mr. Xallas. Supoño que a vindoura entrega estará dedicada à versión que Maese Pablo Carpintero fixo dese canto que ti e eu sabemos: Eu son de lava-la cara, etc. Dá-lle!

ghuilianxallas said...

Primeira corrección sobre ese tema, que debullaremos máis polo miúdo: Pablo non dí "eu son de lava-la cara", senón " e o son de lava-la cara". Ademais, se o recunchiano palleteiro dí iso, coñecéndoo, dou fe de que foi o que o vello en cuestión dixo, quizais levado por algunha disfunción cerebral propia da idade. O que mata a maese Carpinteiro é non poñer <(sic)> despois das cancións...