Monday, August 07, 2006

LUME!!!

A Nosa Terra sempre ardeu en desexos (de ser máis libre, de ser máis feliz, de ser mellor), sempre ardeu coa paixón (dos que marcharon e puideron volver mellor, dos que voltaron coma o Panchito do Pai Daniel, só cun pucho de indiano na cabeza, dos que ficaron por sempre lonxe e dos que dende dentro loitaron pola súa terra), mais hoxe arde cun lume ben menos fermoso: o que está a acabar cos nosos montes e, se non o atallamos, con máis vidas das tres que, á hora na que escribo, queimou por sempre.
Teorías hainas para todos os gustos: que se a seca e mais o vento, que se a especulación do monte, que se incendios con transfondo político... écheme exactamente igual agora, eu só vexo lapas e cinsa e (a partir de aquí voulle dar a razón a un político do PP, non vos preocupedes, que é primeira e última, pero se tal saltades a cursiña e xa está) agora o importante é apagar, xa despois se pedirán as responsabilidades necesarias. Ao mellor o Núñez Feijoo non pensou cando dixo isto que parte das responsabilidades que vai haber que depurar van caer sobre a súa cabeza como se confirme (ou simplemente se estenda moito máis) a sospeita de que os lumes destes días responden a intereses partidistas, pero ten razón en que agora, neste momento, o que mete présa é apagar.
Por sorte, son moitos os traballadores de extinción que están no seu posto á marxe de enchufismos e outras macacadas loitando por vencer ao inimigo que é poderoso cando o temos de aliado, pero moito máis cando está do outro lado da trincheira. Por sorte, son tamén bastantes os que, aínda entrando nas patrullas de extinción como entraron, están deixando todos os seus esforzos nesta loita, e xogando, queiramos ou non, as súas vidas coma calquera.
Somos tamén moitos dos que máis nos xogamos, os que vivimos á beira dun potencial foco de incendios, os que mal-durmimos erguéndonos aos poucos á fiestra á procura da luminosidade do monte que ninguén queremos ver, aínda sabendo que, tarde ou cedo, se vai reflectir nas nosas meniñas; os que temos as cisternas preparadas e o depósito cheo de combustible para saír en canto nolo pidan; os que pasamos as noites pensando nunha chamada de móbil que, desgrazadamente, ha romper o silencio da noite; os que tememos á vez que agardamos a que na canle número 19 das nosas emisoras resoe o berro LUME!!!! que nos poña a todos á disposición da loita para o que sexa.
Son tamén moitos os veciños que non dubidan en colaborar cos equipos de extinción xogando a propia vida, como ben demostran as tres persoas que perderon esta loita corpo a corpo e aos que, como galego, pero sobre todo como persoa, non podo estar senón agradecido eternamente.
Como vedes, somos moitos os dispostos a loitar abertamente contra este lume que, sexa medio ou fin de algúns terroristas que o fomentan, nos declara a guerra todos os veráns e que estes días está a piques de gañar a batalla máis dura que nunca libráramos. Somos moitos, si, pero... abondos? Abondos nunca. Nunca seremos abondos nesta loita porque cada cisterna que nós libremos "dándolle o cú ao lume" (e polo tanto arriscándonos a perdelo) supón entre 5 e 20 mil balas feitas litros de auga nesta guerra sen máis cuartel que os ríos e pozas que nolas subministran. Nunca seremos abondos porque cada caldeiro de auga que guinde un veciño deixando oír un fondo berro de guerra supón rematar con ese incendio un segundo antes. Por iso, cantos máis caldeiros baleiremos e cantas máis cisternas agrícolas suban aos montes próximos de recú disparando auga, máis segundos de vida lle habemos tirar ao noso inimigo, e máis anos de vida no mundo que coñecemos estaremos gañando para nós e máis para os que nos veñan cos anos remudar.
E diredes algúns se só se loita contra o lume con auga. Pois non. Pódese loitar contra o lume a kilómetros de distancia e sen necesidade de máis equipo ca un teléfono móbil co que avisar dos lumes incipientes e, sobre todo, dende o que relacionar aquel coche sospeitoso que baixa "a todo flispín" polo monte abaixo co incendio que vexades media hora despois. É unha porcallada, todos o sabemos, pero en todas as guerras houbo espías e infiltrados e nesta, que é unha das máis suxas de todas, non ía ser menos.
Loitemos logo polo que é noso, polo que foi dos que nos precederon e polo que, se queremos rematar a nosa vida sen a carga da destrución marcada nas enrugas do rostro, lle deberemos deixar aos que veñan detrás no mellor estado posible. Loitemos con todas as nosas forzas por apagar este lume que acaba con nós.
Despídome xa, pedíndo que loitemos todos xuntos para conseguir que para o verán que vén o único berro de LUME!!!! que teñamos que escoitar sexa nos concertos de Quempallou.