Tuesday, May 11, 2010

Sala de profes!

Un instituto é coma unha guerra entre dous mundos diametralmente opostos. O centro dese diámetro é a mesa máis grande que os separa, e as regras destas batallas establecen que a súa duración é de 50 minutos. Non hai cornos que anuncien o seu inicio e retirada, foron substituídos por estridentes timbres. Coma en Troia, hai continuas treguas para que os dous exércitos se recuperen das feridas e, coma en Troia, todos saben que esas treguas nunca son preludio dun armisticio.
Durante esas treguas, anunciadas tamén co mesmo corno bélico convertido en timbre, as tropas retíranse aos seus campamentos. Os nosos inimigos foxen neses momentos ao aire libre e viciado (este último denominado cafetaría) e nós, os continuos perdedores que nunca se renden, ao noso forte: a sala de profes.
Neses momentos son encarnizados os debates sobre propostas pedagóxicas innovadoras, novos proxectos e materiais didácticos e...

...que si, que é o que estades pensando. Pasamos o 90% do tempo que botamos na sala de profes de carallada. De feito, dun tempo a esta parte dediqueime entre risas a apuntar as conversas máis hilarantes. O caso é que perdín o caderniño (se Balbino fose tan torpe coma min Neira Vilas tería que escribir sobre o tempo) así que hoxe, que foi un día con dous recreos completiños, vounos anotar aquí. Igual non os le ninguén e, se alguén os le non lle gustan, pero polo menos non os perdo.

10:25
Profe de Historia vs. Profe de Reli
-E é que Xesús non é o primeiro comunista como din. En todo caso, Social Demócrata!
-Claro... Iso dilo porque no lago liouse a facer liberados sindicais en vez de queimar as barcas e as redes para facer barricadas.
-Exacto, íase cagar o Zebedeo, por explotador.
-E é que xa se sabe, para comunista, comunista, Xoán o Bautista, que non creo que fose máis de esquerdas, pero rima. (Escaralle xeral)


10:35

Profes en xeral

- Xefe, xefe!!! Hai que convocar un claustro urxente!
- E logo? Pasou algo grave, ou?
- Paréceche pouco? Estamos a 11 de maio e aínda non temos preparada a comilona de fin de curso!

[...]

-É que tiñan que volver aqueles tempos nos que daban clase de relixión os curas...
-Ala, home! Era o que nos faltaba, que te puxeras do lado destes (sinalando á fotografía de Rouco Varela presente no xornal enriba da mesa)!
- O carallo, rapaz! Ti tes moito que aprender. Ti sabes que viñazo traían os curas sempre que había cuchipanda? Era moito saber o do viño dos curas...

12:25

Novatos vs. veterano

- Ti que dis? Chamareille á nai? É que é moito desastre, eh!
- Non sei que dicirche... Tampouco é que se involucre moito e...
- Mirade, nenos, vouvos ensinar unha frase que vos vai aforrar moitos disgustos neste choio: lavarlle a cabeza a un burro, é perder o tempo e gastar xabón.
- ...

12:45

Rapaza de prácticas vs. titora

-Jo, é que onte portáronse xenial e hoxe non houbo quen os aturara. Ata houbo uns que querían cortar o brazo cun cúter para que despois lles deixara baixar a polo botiquín PARA PINTAR NAS MESAS CON BETADINE!!!
- Xa... É que como onte disimularon porque es nova e quería que viras como son de verdade, falei con eles para que se comportasen con naturalidade.
-Que... que lles dixeches?
-Que estabas facendo un cásting para Generación NI-NI. (risas en xeral)
-Ás veces non sei se os profes me dades vocación ou simplemente medo.