Sunday, April 27, 2008

Estrelas amarelo-auto...

As noites desta fin de semana foron especiais neste estraño país ao que chamamos TERRA.

O ceo, límpido coma un perfecto cristal azul-mariño, estaba inundado con millentas estrelas que o enchían de pequenos puntos de luz na escuridade. Por debaixo del, onde queira que se mirase, a terra toda estaba chea de Santas Compañas formadas por dúcias, centos de V-2, sixilosas mostras de vida cando toda a natureza repousa a aquelas horas da noite/case-mañá.

No aire, ese fino arrecendo a herba fresca, mesturado co aroma que desprende a terra ao ensinar a súa lentura, o seu lado máis oculto, o seu segredo mellor gardado.

A banda sonora, composta ao lonxe por ronquidos de Jaguares, co leve son dos Jumbos ao engulir, coa respiración de Amazonas e Jumiles só era interrompida por algún ladrido esporádico, por algunha curuxa que atravesaba chiando o espeso aire ao que chamamos NOITE.

A humanidade a aquelas horas quedaba reducida a voces na distancia, case besbellos, case inaudibles. Máis preto, frases curtas, ditas a media-voz, ditas con esa melodía que ten o pronunciado polo medio de lábios que trazan un sorriso, pronunciado co aire especial ao que chamamos ilusión.

Rapazas, rapaces...

A vós que permitides o inmenso luxo de sentir o pracer da soidade coa tranquilidade de saberse acompañado con só pensar en 14 e en 19 dedícovos este post, que non vai rematar cun Bks 1000 coma decote, senón dicíndovos

FELIZ CAMPAÑA
e, ata a próxima, como dicimos neses blogues orais nos que convivimos...

Chau,chau!

Monday, April 14, 2008

Cultura Popular (II) O refraneiro segundo o CAEV

Así como tres meses atrás desatouse nestas leiras dixitais un repaso a unha parte inexplorada da nosa cultura e folclore, que non é outra que a imperiosa necesidade de actualizar o noso refraneiro. Esa impactante revolución cultural activou todas as alarmas no arquicoñecido Centro de Altos Estudos Vilabollenses, que leva todo este tempo desenvolvendo un intensísimo traballo de campo para recoller, arquivar, clasificar e analizar todo ese acervo antropolóxico.
Acaba de chegar á nosa redacción (coñecida como Sachadores' Site) un avance sen carácter oficial e aínda non concluínte do informe que están realizando no CAEV, polo que sen máis dilación procedemos a sementar nestas terras os fragmentos que nos parecen máis significativos do mesmo, nos que debullamos os refráns analizados e máis a súa nova versión oficial:

-"Non por moito madrugar medra o millo máis axiña", pois xa todos sabemos que neste país amence cando lle cadra.

-A quen madruga, non lle arrinca ben o tractor, porque neste noso país, de axudas divinas... poucas.

-Máis vale paxaro na man que un cento picando na lona do silo, que neste país non nos fai falta ter paxaros na man, xa temos abondos na cabeza. Ademais, que se voan ou non non é cousa nosa. Será máis ben dos dos parques eólicos, que como di Quempa-hop son os que os "Cazan ao vuelo".

-Cando o río soa é porque Ferroatlántica non abriu as comportas, e é que o orixinal é algo absurdo. Que se leva auga, pois claro, tío, isto é Galiza, dende cando hai ríos sen auga...

-Todas as autovías levan a Vilalba. Disque tamén todos os camiños levan a Roma, pero a verdade é que non está contrastado, que nos queda demasiado lonxe e ademais alí non hai vacas... A que imos ir?

-A Deus rogando e a picadora ensilando. Vale que en campaña curramos aos domingos, pero é que na nosa canle da emisora (e é certo, eh) os sábados pola tarde retransmítese unha misa en alemán, así que non incorremos en pecado (ai, carallo! Si que incorremos, que non lle pagamos dereitos de autor ao cura e agora as descargas ilegais tamén son pecado...)

Simplemente incrible, va que si?

Se vos gustou este pequeno tráiler (segundo a DXT débese dicir vehículo articulado composto dunha cabeza tractora e un semi-remolque) esperade a que saia o traballo definitivo, que pode ser merecedor dun posto como cronistas cultural no Luar, ou cousa parecida.

Ata daquela...

BKS 1000!

Monday, April 07, 2008

De memes e compañía

Ben, pois hoxe case non teño tempo de actualizar, pero vou aproveitar un segundiño libre que teño para facer un post para o que me nominou a Marikinha e que me vai costar facer porque versa sobre os peores agasallos e a verdade é que comigo case todo o mundo acertou sempre, así que vou buscar nos andeis da memoria, a ver que atopo:

- Todo o mundo sabe que me encantan as colonias, pero iso non fai que calquera cousa que poña Eau de Toilette no frasco me vaia encantar, así que alguén me regalou unha vez un frasco de Jack's. Gárdoo co cariño de algo que me agasallaron e está na miña colección de colonias, pero na vida a usei.

- Cando era bastante pequeno unha vez regaláronme uns cascos-radio que nunca chegaron a funcionar, pero aínda que o fixera non ía ir pola Pereira adiante cuns cascos enormes con antena en plan Florida anos 80...

- Por último vou citar un agasallo que non foi malo porque non me gustara, que de feito encantoume, senón polo que me provocou. Tratábase dun xersei precioso, que despois acabei usando moitísimo e que aínda anda polo meu roupeiro como 7 ou 8 anos despois (obviamente agora xa non o uso, pero aí está). O caso é que cando mo regalaron alí no medio dunha discoteca pois era imperativo probalo, e obviamente tamén o xersei non estaba lavado, senón que viña directamente da tenda, así que coa coña en plan streep tease e tal probei o xersei e xa quedei con el toda a noite. Toda? Non, porque como unha hora ou así máis tarde comezoume unha enorme urticaria que fixo que tivera que marchar para a casa en taxi a pegarme un baño de pomada antiestamínica. Mimá que mal o pasei...

Agora ía nominar alguén para que seguira co meme, pero é que estas cousas normalmente meten a xente en compromisos, así que ímolo deixar aquí.

Dándolle a benvida a Maese Mon ás leiras dixitais e desexándolle que cultive ese hermo ao que a partir de agora se lle vai chamar Caderno do Correo Vello (www.cadernodocorreovello.blogspot.com) para que dea os froitos que ben merece.
A todas e todos...
BKS 1000!