Wednesday, August 29, 2007

Agradecidos? Non, grazas!




Ola sachadoras e sachadores electrónicos todos!
Pois nada, que como vén sendo tónica (sweppes a ser posíbel, hehe) habitual neste blog xa desde antes de que pechara por non-vacacións, este post vai ser unha resposta xorda e malhumorada a un feito que non concorda comigo, e creo que con ningún dos lectores deste blog. Como se ve na foto, agora resulta (dígoo por se alguén non o sabe, que aínda ten algunha oportunidade de velo antes de que peche a finais de mes) que a desembocadura do meu río, do río que rega xeneroso a terra desta leira feita blog ademais de abrir os domingos e festivos dos meses de verán de 12:00 a 14:00 hs para que os fode-chinchos o vexan, fagan fotos e digan que somos un país moi educado, que queda ás escuras se fai falta para que eles o pasen ben, ademais, digo, abre tamén polas noites. Non me fagades moito caso, que igual me trabuco, pero podedes miralo na rede, creo que é as noites do venres ao sábado. Incluso instalaron unha iluminación especial (é o único que lles perdoo. O efecto da luz sobre a pedra, ben sexa en edificios ou natural é algo que me fascina) e unha pasarela de madeira para que quede ben bonito, tan bonito como xa era se non andaran fedellando.


E entón, claro, chega a reflexión: Imos ver. Parece que lle temos que estar agradecidos a Ferroatlántica, porque non só perde de producir electricidade mentres a fervenza está aberta, senón que tamén ten que poñer electricidade para iluminala. Ata aquí moi ben. Ata parece que o Villar Mir é superecolóxico e todo.


O que pasa cando un o pensa máis a fondo é que chega a dúas reflexións: a primeira é que lle botan un fuciño que mete medo, porque explotan toda a semana unha barbaridade de electricidade, e aínda que poñan dúas lampadiñas non se escarallan, e a segunda é máis profunda: se se queixan por ter que gastar electricidade para iluminar a fervenza, que é a que a produce; é dicir, se parte da electricidade que lle quitan á fervenza vai destinada a iluminala e iso é para eles unha putada, non sería mellor que deixaran a fervenza como estaba e xa a iriamos ver de dia?


Creo que queda claro que se lle hai que estar agradecidos, comigo van de lado. Que a poñan como estaba, que os mistos para ver a fervenza de noite póñoos eu!

Thursday, August 16, 2007

Abelix provii(III)

Antes de nada, dicir que este post vai a todo meter, que non teño máis que cinco minutiños escasos para facelo. Tamén quero avanzar que, neste ano de ausencia déuseme por moitas cousas, unha delas escribir, así que xa vou anunciando unha longa serie titulada "Eu de maior". Escribina eu, así que aqueles cun mínimo coñecemento de literatura se queren que cambien de canle, que seguro que é malísima.
Indo ao que nos ocupa, fai unha eternidade xa abriuse nesta leiriña unha serie de posts (dous, concretamente) nos que este que asina puña a caldo á xente por meter a zoca lingüísticamente nas cancións folks e tradicionais, e xa desde aquela anda pola miña cabeza este comentario.
Antes de nada, quero dicir que isto non o saquei eu da miña cabeciña ( aínda que cae bastante de caixón) senón que xa fora relatado noutra ocasión na sacra faculdade de filoloxía, polo que debo expresar os meus agradecementos tamén ao profesor en cuestión, que case todos vós saberedes quen é.
Ao tema: a canción en cuestión évos moi coñecida, e non só no entorno folki, senón que é moi popular no norte de Portugal e no sul da nosa terra, que como sabedes compartimos moitos trazos culturais. Pois ben, trátase da arquicoñecida "As sete mulheres do Minho" ou, para outras usuarias deste blog, "María da Fonte".
Non vou referir aquí a letra enteira, en parte porque xa todos a sabedes, e por outra porque non hai tempo, pero si a estrofa en cuestión:(obviemos a presenza do til de nasalidade)
Viva María da Fonte
com dúas pistolas na mao
para matar aos Cabrais
que sao falsos à naçao.
Aquí empeza a leña, logo. A ver señores (neste caso, de novo, debo especificar que se trataba de señoras): A min paréceme ben que vostedes non lembren xa quen carallo eran os Cabrais (resumindo, foron uns dirixentes portugueses que non é que lle caeran especialmente ben á xente, por así dicilo). Paréceme ben tamén que os posibles informantes desta canción (no lado portugués tamén, pero especialmente no lado galego) esqueceran que se chamaban Cabrais e se quedaran co malos que eran, ou que utilizaran esta estrofa para queimar a outros dirixentes posteriores, pero cona! esta canción sábea ata o meu misifú. Un pouquiño de cultura musical e literaria, por favor, que, xa non digo xente máis descoñecida, pero, por exemplo, gravouna Dulce Pontes, e de aquí a escarallar o Lela, Lela non hai máis que un paso. Así pois, non me meto máis cunhas mozas que, aínda que non o pareza gústanme moito e teñen o máis profundo respecto, polo que só lles recordo que:
Cabrais, non Cabroes.

Tuesday, August 07, 2007

Volta á casa

Moi boas a tod@s!!!!!

Este é o post de volta á casa, despois de máis dun ano de ausencia, pero é que hai veces que, por moi preto que se estea, non hai tempo para parar a botar un conto, e esa é a peor morriña da casa que se pode ter, ver e non poder tocar, arrecender e non poder probar, pasar e non poder estar...
Así e todo, todos atopamos vagar algún día para volver á casa, e ese é o momento de contar os tempos de ausencia, de amostrar o que se andou a facer polo mundo. Logo, e aínda que para algunha xente xa será repetido, aí vai unha mostra de todo un ano, non perdido, pero si aproveitado doutro xeito.




Agardo que vos guste e que, a partir de agora, aínda que sexa de vez en cando, as fiestras desta casa estean abertas para ventilar. Da porta xa sabedes... todos tedes copias das chaves.
xxxxxx
P.D. Para que non me chamedes descoidado, xa vedes que antes de voltar a abrir dei unha manciña de pintura, que xa lle facía falta. bks 1000!!!