Tuesday, March 25, 2008

PREZOS XUSTOS!!!!

Síntoo... Sei que igual a moita xente este tema non lle vai interesar, pero todos coñecedes que este é un blog xalleiro, filolóxico, gandeiro, literario e parideiro en xeral, así que este post toca reivindicación agrarista.

En primeiro lugar, quérolle mentar os antecedentes xenéticos (ou sexa, cagarme nos seus ancestros) dos señores/as responsables das industrias lácteas, e como eu non son de tirar a pedra sen estar limpo de pecado, pois explico o porqué:
Unha chuvia de datos, e cada un que pense o que queira:

-No ano 89,o leite rondaba os 0.7 E;máis do 60% do prezo final do leite eran ingresos (antes de impostos) para o produtor;e coa venda de dous ou tres becerros podíase mercar un remolque autocargador. No 2006 (vinte anos despois, eh!) o prezo do leite estaba polos 0.3 E (menos da metade,só aproximadamente un 20% dese prezo eran ingresos para o produtor e para mercar a mesma máquina (non digo unha máquina igual nova, senón a mesma máquina, con case 20 anos de uso) non chegaban nin os becerros de 3 anos.

- Como consecuencia de que en Europa entenden as vacas como simples máquinas transformadoras de materias primas en leite, e non coma seres vivos que son, o sistema fóiselles ao garete, e durante o 2007 Galiza foi a única rexión da Unión que aumentou a súa produción. Polo tanto, ante a escaseza produciuse un fenómeno cíclico que aparece cada certo tempo coñecido como "Guerra do Leite", que supuxo un aumento no seu prezo ata os 0.85 E (apréciese que só son 15cent. máis que 20 anos antes). Aínda así, a suba dos cereais pola especulación dos almacenistas, a suba dos fertilizantes (case nada, están custando 0.5 E o quilo...), etc. fixo que ao final os gandeiros non apreciaran esa suba. Que non se equivoque ninguén. O estado español, aínda vendo que somos os únicos europeos que sabemos resistir en tempos de crise mundial, seguen repartindo as cotas como lles peta. A Unión Europea vai aumentar as cotas nun 2%, a todos por igual, ou sexa, que a nós como temos pouca, pois sóbennos pouco...

-A comezos do 2008 comezou a circular o rumor de que ían baixar os prezos. As indústrias lácteas, aínda sabendo que somos actualmente a única fonte fiable de lácteos en orixe, aproveitou ese medo xeral para pactar prezos e comezar a baixalos de verdade. Saben, e ben que lles senta, que non temos outro remedio que vendérllelo ao prezo que o pagan. Para que se vexa: se intentaramos tiralo para non vendelo e así subir os prezos (como se fai no mar co peixe, por exemplo)denunciaríannos por contaminación (e a ENCE non, que xa ten pelotas) e se o digo é porque xa pasou.

-Para máis INRI, estamos indefensos ante esas prácticas porque, por exemplo, o leite que entregamos o día 1 de marzo págase sobre o 28 de abril. Ata ese momento non sabemos o que imos cobrar por un traballo que realizamos case dous meses antes.

-En Galiza producimos nós soíños máis do 57% do leite que se consome en todo o estado e temos preto do 60% das granxas. Curiosamente, non chegamos ao 50% da cota láctea da reserva española. Ergo: a producir de forma ilegal. Despois que non se queixen...

-Peor me poño aínda. Resulta que a nós non nos deixan vender todo o leite que producimos, supoñendo que o sistema de cotas garante que non produzamos máis leite que o que se necesita... Oh surprise! Vaites! Poste a mirar e descobres que o leite que producimos non chega nin á metade do que se vende neste país (incluímos o que se consume noutras formas. Xa o dicía Monty Pyton "- Benventurados os queixeiros? - Non home, é unha parábola, refírese aos elaboradores de produtos lácteos en xeral").

-Levan vinte anos impoñéndonos unhas cotas que, como xa dixen antes, son totalmente inxustas e non gardan relación coa situación real. O incumprimento destas cotas supón unha sanción económica coa que se perde cartos ao vender o leite (recordemos que se o tiramos podemos chegar a ir á cadea, por non contar que agora contaminar é pecado) Iso, sumado á especulación provocada polo anterior goberno estatal e autonómico co que cada quen podía vender a súa cota ao mellor postor, fixo que a xente tivera que desembolsar auténticas burradas para mercar a cota necesaria para o leite que producía. Aos créditos deses cartos fáltanlle para rentabilizarse uns dez anos sendo optimistas, pero non pasa nada. A UE colle e quita as cotas no 2015 (xa podían avisar antes, que ía gastar millóns e millóns de pesetas en cota quen eu sei) polo que todos eses cartos desaparecen. Por non falar de que imos ter que producir coma bestas e adoptar o sistema européu do que falei antes e que, como tamén dixen antes, está fracasando ao esprimir as vacas ata tal punto que a súa vida media baixa dos 6/7 anos que ten en Galiza ata os 2/3. Un asasinato en toda regra. Iso si, a eutanasia animal está prohibida...

-En menos de un mes comezaremos a ensilar a herba e sementar o millo. Supón un gasto medio duns 8.000 E por explotación, que se converterán en leite ao longo do 2009. E se para daquela o leite xa non custa nin a metade?

-Ante todo isto, os gandeiros levan uns días manifestándose (uns de forma máis pacífica que outros, todo hai que dicilo)para intentar defender un traballo de 365 días ao ano 24 horas ao día, e que lle permite almorzar quente a toda a poboación. Pois chámannos delincuentes.

Cada un que quite as conclusións que lle pareza (e que as deixe no blog, aínda que non sexan coincidentes coas miñas, que diso se trata)pero eu só teño un berro na gorxa que non podo reprimir:

TRACTORADA!!!!!!!!!!!

Exercicio de clase:
Lede todo o anterior, ide ao súper e mirade os prezos do leite e derivados... A que frases comerciais tipo "A calidade e a saúde, a nosa razón de ser" "que rica, mamá" "la leche del norte" "o triufo da calidade galega" "volve á orixe" o selo de Galicia Calidade para unha empresa francesa coma Prêsident etc. xa non vos parece o mesmo?
Se xa o dicía Castelao I o Grande: "As nosas vacas teñen o pesebre na Galiza e os tetos en Madrid, e quen non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila"... Por certo, isto foi escrito hai máis de 60 anos, sobran as palabras.

Dende o máis profundo sentimento de explotación e pedíndovos perdón polo longo do post...

BKS 1000!