Monday, August 29, 2005

Carta aberta aos enemigos da gheada

Vou publicar aquí un artigo que, por desgraza, lin o outro día e que merece, senón a bronca que o segue, como mínimo un pequeno comentario. Como estou cabreado cáelle a bronca. Que se lle vai facer...

"As vodas con Ghlamour"
(Galicia Hoxe, 25-08-2005)
Juan Pablo Castel.
É tempo de vodas, de traxes á medida e inoportunas costuras, de enchentas, de felicitacións. De novos rumbos. Hainas clásicas, uns dous terzos de familiares e o resto amigos; hainas cunha proporción inversa das que só lembramos o inicio.
Tamén existen eses convites cheos de "ghlamour", que é algo así como o glamour montado en tractor. As gámbas sérvense peladiñas todas e as formas substitúen á espontaneidade que se desprende das terrenais. É como substituírse por outra persoa durante un día. Por qué se antes chuchabamos as cabeciñas deste marisco agora non o facemos. Será polo que poidan pensar. Tranquilos, noiv@s , xa temos unha opinión. (sic).
Cando lin esta noticia deime conta dun detalle: este tío vén por min. Vou parafrasear a admiradísima (tamén coñecida como María Yáñez) cando explica o seu grande teorema matemático: A: Ándaas buscando (si, xa sei, por que se temos, de noso, estar piando por elas...? pero repito que estou parafraseando unha autoridade incuestionable). B: Ten ben onde levalas. Entón, a saber: A+B=C Plaff.
C: En primeiro lugar, teño que comunicar a repulsa a este artigo expresada polo comité do GhSF: Apréciese que a gheada está interpretada como sinal de ignorancia (Ghlamour= glamour+tractor) e ruralismo cando grandes zonas urbanas estarían incluídas dentro da área gheadense, e máis que van estar cando esta organización consiga os seus fins: conseguir que a gheada chegue, polo menos, ata o comezo da área lingüística éuscara.
Este uso da gheada como marca de ruralismo e ignorancia é un dos ataques máis frecuentes contra as variedades lingüísticas galegas, feito que se agrava cando provén, coma neste caso, dunha persoa que inflúe na opinión pública ou dunha filóloga, para máis INRI especializada na defensa das linguas e variedades en perigo de extinción, que tamén se ten dado o caso.
Como segundo termo, para que vexades o xogo que dá unha frase desafortunada (Ghlamour=glamour+tractor), unha vez máis aparece unha identificación do traballo agrícola e gandeiro, así coma da vida no medio rural, coa ignorancia, incultura e, case, coa falta de educación. Este problema xorde, de base, dun concepto erróneo de cultura, co que se demostra que o autor da célebre frase non gozou das maxistrais leccións de Gondar Portasany coma o humilde labrego e gheada-falante que asina estas liñas. Podería dicir que, polo mesmo, hai "tractoristas" con máis cultura ca el, pero, como eu si que tiven a oportunidade de aprender o significado verdadeiro da palabra cultura vou empregar un insulto máis apropiado: ETNOCENTRISTA URBANITA (Insulto patrocinado pola Asociación de Gandeiros do Xallas e pola Sociedade de Maquinaria en Común A Pereira-Mallón).
Xa por último, e para demostrar que me atizou en todo, como algúns saberedes eu traballo no que en castelán se denomina BBC, é dicir, Vodas, Bautizos e Comuñóns. Así pois, como especialista na materia, polas súas opinións podo deducir que é o típico cliente que estuda un libro de protocolo antes de ir a unha voda, pero despois acaba comendo as vieiras co coitelo da carne. Deste tipo e doutro denominado "Alcaldes aos que dá noxo ver comer" están, por desgraza, os salóns de vodas cheos. Quero expresar, pois, a repulsa dos camareiros de Casa A. a este artigo.
Como conclusión, vou aplicar unha variante do teorema Yáñez: A: Estalas buscando, B: Tes ben onde levalas, C: Tiña unhas ganas de darchas que flipas. A+B+C=D. D: Vídem Blog.

12 comments:

Ulmo de Arxila said...

O LICRa Auténtico solidariza-se cos usuários da gheada e fai suas as palavras do Subcomandante, ainda que deve saber que acabamos de nominá-lo para abandonar a organización pola utilización de ENEMIGOS no canto de INIMIGOS (para máis INRI, nun ponto xeoestratéxico tan asinalado como o título).
Polo demais, de acordo en everything.

ghuilianxallas said...

Grazas pola túa aclaración, Ulmo, mais ben se pode entender que, no estado de cabreo supino no que me encontraba, quería chegar axiña á bronca, que era o interesante. Aínda así, acepto a súa nominación por ser xusta e necesaria. Creo poder confiar en que os contidos pesen máis cás formas e sexan suficientes para safar da temida expulsión.
De todas formas, agradecería, se tes tempo, unha análise máis pormenorizada do post, a ver que che parecen as ideas nel reflectidas. Grazas de novo.

Uz said...

O anti-gheadismo adopta formas do mais subtis (em ocasiões); como quando num filme (ou fora uma série?) na TVG adaptaram a linguagem marginal dos EUA a um galego com 'gheada' e o mal chamado 'sesseio'. Desde COLGATE (Comando Luso-Galaico das Terra Estas) reprovamos este jeito de agir.

[Lamento não dispor de tempo para uma análise mais polo miúdo neste momento, talvez mais tarde]

Saúde e cepticismo!

Ulmo de Arxila said...

Com. 1: o narcisismo de Uz chega a limites preocupantes, como demonstra o seu post
Com. 2: subcomandante, ben sabes de ke lado estou e intuirás perfeitamente ke a miña opinión coincide nun 95% coa que poda ter GhSF ao respeito. A gheada como indício de rusticidade (mais dunha rusticidade entendida como paletismo, id est, mal entendida) é unha idea que deve erradicar-se. Mais a gheada como certificado de enxebreza tampouco me chista muito (curioso, porque non deixa de ser o reverso do anterior, e porén dun extremo chega-se ao outro con relativa facilidade, porque ambos parten de similar prexuizo).A gheada ten de ser como a terminación -ons e como o copretérito arrizotónico: puramente denotativo, sen implicacións positivas nen negativas.
E isto di-o un que considera que a gheada e o seseo son música, que conste, e teño-lles muitísima simpatia.

Uz said...

A foto aparece porque o meu perfil é público, ñ porque eu tivesse especial interesse em fazê-la aparecer. Reclamo, pois, uma breve rectificação pola tua parte.

Já instalei o Nomenclátor; ainda ñ criou conflitos com o Topogal ;-p

Ulmo de Arxila said...

Sr. Uz, rectifico mais de mui má gana (teño mal perder) ;-)
Seica non vai comentar nada do post do Subcomandante?

ghuilianxallas said...

A gheada pode ser influencia castelán, non serei eu quen o negue, e non porque o poida crer ou non, senón porque os meus limitados coñecementos filolóxicos non abondan para defender con datos (viva coctarium) ningunha das dúas teorías, mais creo estar de acordo contigo, ulmo, en que antes que a alveolarización do /-n/ é preferible que chegue a gheada ata territorio occitano, non cres? Ademais hai que pensar unha cousa. Temos moitos castelanismos que (o que cambia o tempo!) son, hoxe por hoxe, feitos diferenciais co castelán, e están asumidos como tal e, polo tanto, máis que atentar contra o noso idioma, axúdanlle (o caso de medrar fronte ao galego recto crecer[hai que ver o xogo que dan as clases de maruxa]). Deste xeito, non podemos desprezar unha solución propiamente galega a un problema establecido dende o exterior (concepto de cultura)só porque non concorde cos teoremas lingüísticos máis puros (con isto non quero criticar o reintegracionismo, líbreme Carvalho Calero). Tódalas linguas ten este tipo de situacións, e só se defenden delas cando son unha intromisión que as poida facer perigar, non cando lle axudan a establecer uns trazos propios, isto é, cando se lle aplica a eses empréstimos uns trazos propios que a fan diferenciar do vocábulo foráneo de procedencia de xeito que remata sendo un elemento caracterizador desa lingua (a ninguén se lle ocorre pensar que zp vaia invadir Portugal por moito que os nosos colegas do sur -e eses sí que son reintegracionistas :-)- digan ordenhar en vez de mugir (que tamén o din os do norte -un saúdo, de paso, para a Associaçao de Produtores Lácteos de Entre o Douro e o Minho- ou cavalhero, mais a ver que pensabamos se escreben Elpuerto ou Lisbuena. Así pois, agora temos de nos defender dos ataques actuais. Pode parecer contraditório, mais pra iso ao mellor temos que recorrer a influencias do castelán (polo menos temporalmente) como pode ser a gheada, ou a feitos diferenciais coma o seseo (e conste aquí que incluso algúns dos teóricos reitegracionistas máis relevantes defenden e preconizan o particular seseo galego que unifica /s/,/z/,/0/ e /0`/(imaxinade a raíña do medio e maila súa sonoridade no sitio da vírgula inversa, que isto non ten AFI) como fenómeno propio e diferencial da lusofonía galega).
Por outra banda, nunca podemos deixar de lado que asociación da gheada co rusticismo e ignorancia non é máis cá manifestación plasmada en papel doutra asociación moito máis perigosa, a do paleo-galego/rusticidade e atraso VS. novogalegourbano/ prosperidade, cultura e modernidade.
Se contra isto non hai que loitar, eu marcho pra Alacant dirimir as diferenzas (ou [-diferenzas])entre o o Valencià, o català e o Tigrinya (nunca me acordo como se escrebe). Deus, que baleiro quedei...

Ulmo de Arxila said...

Impresións soltas(é o que ten ler as cousas à carreira!)
1) Dificilmente escreveria ninguén Lisbuena sabendo que o palavro vén de Olisipona, e portanto non há castellanización que poda con iso. Xa, xa sei que a etimoloxia popular funciona e Paco Vázquez anda sempre à expectativa (Muxia=Ordeñaba, ergo Travada=Mordida, etc.), mais... nen con esas
2)A gheada castellanismo? Há tantos argumentos a prol como en contra; eu, persoalmente, vexo-lle máis trazas de fenómeno autóctone que outra cousa. Mais lembre, Subcomandante, que os que defenden a xénese interna da gheada adoitan complementá-lo cunha defesa non menos veemente da orixe igualmente endóxena do fonema /o'/ (fricativo interdental), e asi cara a adiante con muitos fenómenos suspeitosos de castellanismo. Vosté que opina? A gheada si e a interdental non? Ou vai todo no mesmo saco?
3) Polo camiño do diferencialismo a ultranza contra o español creo que xa se demonstrou que non se constrói unha língua, pois, entre outras cousas, implica dependéncia; en negativo, mais dependéncia, e como tal nociva. Xa nos vai sendo hora de comportarmo-nos como unha língua adulta, digo eu, sen papanatismos nen cara ao Sul nen cara ao Leste.
4) "Medrar" é un feito diferencial con respeito ao español? Feito diferencial? Subcomandante, aí derrapou-che o dedo! Lembro-me dos de Andecha Astur, que entenden oscabazos, a sidra e a gastronomia como feitos diferenciais da asturiania recalcitrante. Tranquilo, ben entendo ao que te referias, ho! Mais a frase era cando menos pitoresca! :-)
5)Insisto: língua normalizada= língua na que os que teñen gheada poden ler unha tese con gheada e os que non a teñen poden le-la sen ela. Aí si, até a morte. Mais ten conta de que para iso há que neutralizar uns prexuízos que, paradoxalmente, foron sementados e regados por persoeiros tan defensores da cultura e língua galegas como o que máis. Os mesmos que nunca lle deron chance ao seseo explosivo na escrita da nosa língua (si lla deron ao implosivo, mais daquel xeito...). E que lle imos fazer, todas as línguas teñen pronúncias máis ou menos recomendadas, e aí sempre desequilibra a balanza o factor ideolóxico.
6) Maiormente subscrevo o conteúdo do(s) post(s), que supoño será un resumo máis ou menos completo do ideário do GhSF, ao que máis unha vez reitero desde aqui a miña simpatia e cumplicidade.
Máis nadiña

Ulmo de Arxila said...

Tio, Uz, para ti nunca está nada ben! A ver, o de dobrar unha película usando a gheada para caracterizar personaxes do meio marxinal tampouco implica nada! Polo menos é unha tentativa de criar uns rexistos minimamente homologáveis aos que se utilizan no filme orixinal! E é-che o que há. A realidade é que a gheada ten esas conotacións (alicerzadas nunha realidade que está aí: a gheada utiliza-a quen a utiliza e onde se utiliza), e se queremos derrubá-las teremos de comezar desde abaixo, i.e., FALANDO con gheada, lendo unha tese CON GHEADA, etc. Unha das pouca cousas boas que dixo o Diegues ese: "Se queremos que o poder acabe recoñecendo GALIZA como nome oficial do país, empreguemo-la sempre; non lles quedará outro remédio que adecuaren-se à realidade". Pois iso.
PD: Eu falaria con gheada a todas horas, mais como Sandra se riu de min nos meus primeiros esforzos estou demasiado traumatizao como para seguir tentando-o :_(
Asi que agora só a uso na intimidade e en formas mui concretas. Mais a tese LÊ-LA-EI CON GHEADA! :-)

Ulmo de Arxila said...

E eu ke no fundo sigo pensando que a defesa a ultranza que fai o Subcomandante da gheada non é máis que expresión do seu xallasismo radical... Farias o mesmo se foses de Castropol ou de Valdeorras, meu? ;-p

Anonymous said...

I am able to make link exchange with HIGH pr pages on related keywords like [url=http://www.usainstantpayday.com]bad credit loans[/url] and other financial keywords.
My web page is www.usainstantpayday.com

If your page is important contact me.
please only good pages, wih PR>2 and related to financial keywords
Thanks
annosughemase

Anonymous said...

WOW just what I was searching for. Came here by searching for watch glee season 1 episode 20 theatricality

Also visit my web blog ... Bruchgold verkaufen