Monday, February 25, 2008

Radio Colleita FM

No dispone de flash


pip, pip, pip. SON AS CINCO, AS CATRO EN MAZARICOS!
Ben, amigos!Despois de escoitar Tractorada, de Rastreros seguimos en Sucos de Liberdade, este programa que tamén se emite pola canle 14 das vosas Radios CB, para facervos máis levadeiro o traballo. Benvidos se vos acabades de incorporar.
Xa sabedes, que a utopía nunca morra.
Seguimos coa entrevista a MR, e non me podo resistir a comentar algo que estivemos falando durante o corte musical. Dicíasme, M, que che sorprende o cambio de forma de vida dos últimos tempos.
- Pois a verdade é que si, pero non me refiro só ao noso sector.
- Realmente, tal e como me comentabas off-the-record, parece que o mundo está ao revés...
- Efectivamente, esa é a idea.
- Pero non consigo entender a que te refires concretamente...
- Mira, date conta: Agora os mariñeiros sementan no mar, e teñen que esperar a que os froitos madurezan para recollelos. Nós, no campo, imos deixando atrás ronseis ao paso das nosas máquinas, botamos sós moreas de horas e comunicámonos a través das radios, incluso falando en clave...
-... A verdade é que, visto así...
- Eu penso que che vén sendo isto que chaman... Como era?... si, a Globalización esa...
- ... Ben, este... A seguir, imos poñer algo de 120 Capadores, o disco-homenaxe aos Diplomáticos de Monte-Alto: a versión asturiana de Eu quero ser... Ghai-tei-ro!

Comeza a soar a música, pero os micros do estudo quedan abertos, polo que se oe a nosa compañeira dicíndolle a MR:

-Bufff, mira ti se será certo iso que dis, que ata ti te converteches en Melghacho...

Tuesday, February 12, 2008

Abelix provii (IV) Ou todo o contrario...

Ola a tod@s!!!!
Pois nada, que por aquí andaba eu a piques de publicar unha nova entrega desta xeira de post nos que poño á xente a caer dunha burra cando detecto algunha errata nas letras das cancións, pero desta vez vaime saír furada... Explícome:
O tema é que eu, coma case todos os que andamos sementando binomios de uns e ceros nestas leiras dixitais ás que chamamos blogomillo, recibín noticias da aparición na rede do que se deu en chamar a primeira canción Dance na nosa lingua. Por se algún (ha) de vós non se enterara, trátase de A festa non vai parar, de D.J. Son1co feat. Isis, e aquí vos deixo un enlace por se a queredes descargar de moca:

http://www.mediafire.com/?73mkbjmpszu

A cuestión é que isto de que o galego chegue ao mundo da música-empacadora (para os non membros do Centro de Altos Estudos Vilabollenses, explicarlles que se inclúe baixo ese epígrafe a música Dance, House, Techno, etc. polo mero feito de que os seus baixos -o mítico pum-pum-pum- ten un son moi similar ao que facían as antigas empacadoras) pois iso, que dicía que a chegada do galego a este tipo de música (cousa dubidosa, xa que antes xa existiron míticos machucos de Sementeira, de Fuxan os Ventos a ritmo de pista de baile, ou outras coma o mítico Ven, Bella Cubana dos anos grises do Tear) foi bastante ben recibida e incluso aplaudida polos sachadores electrónicos galegos, ata o punto de que se se puña a semana pasada o título da canción no google aparecían aprox. unhas 26000 entradas. A ver, que me estou liando. O conto é que escoitei a canción e, deixando á parte a súa indubidable calidade, e que vai facer que o galego entre nas discotecas pola porta grande, sentinme case ofendido ao ver que a cantante non pronuncia un só /n/ velar en toda a letra, que por outra parte tampouco é tan grande.
Visto isto, non me quedou outro remedio que poñerme a escribir un Abelix Provii para darlle caña á señorita en cuestión, pero como non é de boa educación criticar o que non se coñece, púxenme a remexer na rede a ver que atopaba sobre ela e, claro, resulta que a rapaza non é galega, senón catalana.
Así pois, non me quedou outra que comer con patacas de Coristanco o post enteiriño, e pasar de criticar á Isis a agradecerlle que se prestara a gravar unha canción na nosa lingua, e tamén a poñela como exemplo de moitos artistas galegos que pensan que só se vende se se canta en castelán, así que, como dí Quempallou en Coa lingua de fóra:

Moito traballiño deu
que triunfara a razón
para poder usar a lingua
que nos sae do corazón

E agora que xa podemos
con liberdade empregala
non lla falamos ás mozas
non sexa que saian parvas.


Así que, mociñas e mociños, non esquezades que en galego se pode facer de todo, é que recordade sempre que, Na loita e na festa, a diglosia sempre apesta!

Ata a próxima actualización, e pedindo desculpas polo lioso do post...
BKS 1000!