Wednesday, August 29, 2007

Agradecidos? Non, grazas!




Ola sachadoras e sachadores electrónicos todos!
Pois nada, que como vén sendo tónica (sweppes a ser posíbel, hehe) habitual neste blog xa desde antes de que pechara por non-vacacións, este post vai ser unha resposta xorda e malhumorada a un feito que non concorda comigo, e creo que con ningún dos lectores deste blog. Como se ve na foto, agora resulta (dígoo por se alguén non o sabe, que aínda ten algunha oportunidade de velo antes de que peche a finais de mes) que a desembocadura do meu río, do río que rega xeneroso a terra desta leira feita blog ademais de abrir os domingos e festivos dos meses de verán de 12:00 a 14:00 hs para que os fode-chinchos o vexan, fagan fotos e digan que somos un país moi educado, que queda ás escuras se fai falta para que eles o pasen ben, ademais, digo, abre tamén polas noites. Non me fagades moito caso, que igual me trabuco, pero podedes miralo na rede, creo que é as noites do venres ao sábado. Incluso instalaron unha iluminación especial (é o único que lles perdoo. O efecto da luz sobre a pedra, ben sexa en edificios ou natural é algo que me fascina) e unha pasarela de madeira para que quede ben bonito, tan bonito como xa era se non andaran fedellando.


E entón, claro, chega a reflexión: Imos ver. Parece que lle temos que estar agradecidos a Ferroatlántica, porque non só perde de producir electricidade mentres a fervenza está aberta, senón que tamén ten que poñer electricidade para iluminala. Ata aquí moi ben. Ata parece que o Villar Mir é superecolóxico e todo.


O que pasa cando un o pensa máis a fondo é que chega a dúas reflexións: a primeira é que lle botan un fuciño que mete medo, porque explotan toda a semana unha barbaridade de electricidade, e aínda que poñan dúas lampadiñas non se escarallan, e a segunda é máis profunda: se se queixan por ter que gastar electricidade para iluminar a fervenza, que é a que a produce; é dicir, se parte da electricidade que lle quitan á fervenza vai destinada a iluminala e iso é para eles unha putada, non sería mellor que deixaran a fervenza como estaba e xa a iriamos ver de dia?


Creo que queda claro que se lle hai que estar agradecidos, comigo van de lado. Que a poñan como estaba, que os mistos para ver a fervenza de noite póñoos eu!

2 comments:

Anonymous said...

O pior é iso, que há de estar agradecidos, e se se nos ocorre protestar miran-nos espantados e esperan a desculpa. Como cando dizen que a desmesurada cantidade de accidentes de tráfico en Galiza obedece simplesmente "a un problema psicológico de los gallegos". E asi. A desfachatez dos colonizadores non coñece limites.
Hai que botá-los!!!!!!!

São said...

A desfaçatez do imperialismo(seja ele qual for)é imenso e assim vai a desvergonha...