Tuesday, September 11, 2007

NOMES

“Pensatzen dut nire izena
nire izana dela,
eta eznaiela ezer ezpada
nire izena.”
(Penso que o meu nome
é o meu ser
e que non son
senón o meu nome)
Gabriel Aresti:Nire Izena (fragmento)


No Montealto, no de Outeiro e máis nas Moas
Permanecen os ares insepultos que nos foron dando forma
No molde verbal dos ventos que habitamos
Os nomes somos nós
e cando acenden os seus rótulos atávicos
as aspas dos muíños derrubados
Marmullan o farelo afirmativo do futuro
Luísa Villalta: Nomes (fragmento)

Os nomes son algo tan importante que chegan a condicionar aquilo ao que nomean. O ser humano é tan simplista que remata mercando comida en función do envase, lendo libros segundo o que poña a contralapela opinando da xente segundo vista... Pois ben, este blog ten un título (un nome, logo) que está tirado dun verso, cutre, pero verso á fin e ao cabo. O caso é que o escribín (polo que pon o papel) no 2003, mais estivo desaparecido entre moreas de papeis (vale, non vos poñades así, que se desaparecen os manuscritos medievais miniaturados, ben pode desaparecer un mal folio escrito a boli bic por un pimpín coma min) ata que o atopei estes días, así que, case dous anos despois, vou poñer algúns anacos do poema que xustifica a existencia desta leira dixital. Seguramente é moi mala, pero é que eu nunca fun de poesía... Vós diredes.
[...]
O mundo é unha casa grande
Chea de xente arredor dun burato negro
Soidade .
O mundo é unha festa chea de cervexa
Brindando pola asociación de alcohólicos anónimos.

Chega o Nadal e as estrelas do ceo
Son burbullas de anuncio de cava
Facendo luces de discoteca
Pró cotillón dos planetas.
[....]
Fuxo da cidade,
Vou prá casa
Mais polo camiño fileiras de eucaliptos
Lémbranme que os corvos do Xallas
Son, non máis
Ca koalas metamorfoseados
Pola mente dun demente,
Polas ansias dun ansioso
Polos poemas dun poeta
Misóxino, mediático;
Erróneo, errático.

A rabuda de Quempallou
Soa de fondo
Anunciando que non só
Anunciando que non sempre
Anunciando que non todo
É só, sempre, todo igual

Gústame Quempallou.
Gústame que alguén teña coraxe
Pra botarlle arrós ás rumbas.
Gústame que alguén teña coraxe
Pra cantar tangos con gheada
Gústame que alguén teña carraxe
pra calar caciques e parir poetas
coma se dunha muiñeira se tratase.


Eu xa avisara de que era moi malo, pero aínda así pídolles desculpas a aquel@s que tiveran a coraxe de lelo. Sei que despois disto a algúns non vos vou volver a ver, pero aínda así, e por se acaso... Bks 1000!

2 comments:

Anonymous said...

Meu Deus, Subcomandante! Eu tiven ocasión de ler este poema sendo ainda un tremelante manuscrito! E velaqui o está, descendendo como un peixe brioso pola fervenza do Xallas!
Lembras "Porei ben Cospecho, Ordeñaba, Mordida / Direi: Cospeito! Muxia! Travada!" ;-)

ghuilianxallas said...

di que si carallo
"coma a un candido pazo
ao que lle requisaran a gheada, o seseo e o carne do celta" hehehe
Canto non temos esbardallado en papel, eh! pois de vez en cando atopalos éche ben agradable e morriñento á vez...
apertas, meu!