Tuesday, May 11, 2010

Sala de profes!

Un instituto é coma unha guerra entre dous mundos diametralmente opostos. O centro dese diámetro é a mesa máis grande que os separa, e as regras destas batallas establecen que a súa duración é de 50 minutos. Non hai cornos que anuncien o seu inicio e retirada, foron substituídos por estridentes timbres. Coma en Troia, hai continuas treguas para que os dous exércitos se recuperen das feridas e, coma en Troia, todos saben que esas treguas nunca son preludio dun armisticio.
Durante esas treguas, anunciadas tamén co mesmo corno bélico convertido en timbre, as tropas retíranse aos seus campamentos. Os nosos inimigos foxen neses momentos ao aire libre e viciado (este último denominado cafetaría) e nós, os continuos perdedores que nunca se renden, ao noso forte: a sala de profes.
Neses momentos son encarnizados os debates sobre propostas pedagóxicas innovadoras, novos proxectos e materiais didácticos e...

...que si, que é o que estades pensando. Pasamos o 90% do tempo que botamos na sala de profes de carallada. De feito, dun tempo a esta parte dediqueime entre risas a apuntar as conversas máis hilarantes. O caso é que perdín o caderniño (se Balbino fose tan torpe coma min Neira Vilas tería que escribir sobre o tempo) así que hoxe, que foi un día con dous recreos completiños, vounos anotar aquí. Igual non os le ninguén e, se alguén os le non lle gustan, pero polo menos non os perdo.

10:25
Profe de Historia vs. Profe de Reli
-E é que Xesús non é o primeiro comunista como din. En todo caso, Social Demócrata!
-Claro... Iso dilo porque no lago liouse a facer liberados sindicais en vez de queimar as barcas e as redes para facer barricadas.
-Exacto, íase cagar o Zebedeo, por explotador.
-E é que xa se sabe, para comunista, comunista, Xoán o Bautista, que non creo que fose máis de esquerdas, pero rima. (Escaralle xeral)


10:35

Profes en xeral

- Xefe, xefe!!! Hai que convocar un claustro urxente!
- E logo? Pasou algo grave, ou?
- Paréceche pouco? Estamos a 11 de maio e aínda non temos preparada a comilona de fin de curso!

[...]

-É que tiñan que volver aqueles tempos nos que daban clase de relixión os curas...
-Ala, home! Era o que nos faltaba, que te puxeras do lado destes (sinalando á fotografía de Rouco Varela presente no xornal enriba da mesa)!
- O carallo, rapaz! Ti tes moito que aprender. Ti sabes que viñazo traían os curas sempre que había cuchipanda? Era moito saber o do viño dos curas...

12:25

Novatos vs. veterano

- Ti que dis? Chamareille á nai? É que é moito desastre, eh!
- Non sei que dicirche... Tampouco é que se involucre moito e...
- Mirade, nenos, vouvos ensinar unha frase que vos vai aforrar moitos disgustos neste choio: lavarlle a cabeza a un burro, é perder o tempo e gastar xabón.
- ...

12:45

Rapaza de prácticas vs. titora

-Jo, é que onte portáronse xenial e hoxe non houbo quen os aturara. Ata houbo uns que querían cortar o brazo cun cúter para que despois lles deixara baixar a polo botiquín PARA PINTAR NAS MESAS CON BETADINE!!!
- Xa... É que como onte disimularon porque es nova e quería que viras como son de verdade, falei con eles para que se comportasen con naturalidade.
-Que... que lles dixeches?
-Que estabas facendo un cásting para Generación NI-NI. (risas en xeral)
-Ás veces non sei se os profes me dades vocación ou simplemente medo.

Tuesday, March 23, 2010

Que pasaría se Roberto Varela...

...Estivese enfermo o día de Fitur e o substituíse Xesús Vázquez? Poderíamos ver vídeos moito máis interesantes. Sería algo así coma...
- Y ti puedes see no concejo de Roof of de Monks... A tope con el trilingüismo!
... Decidise os premios Mestre Mateo do Audiovisual 2010? Veríamos con asombro como Foro Aberto recibiría o M.M. ao rigor xornalístico pola súa entrevista a Carlos Callón e Luar ao formato televisivo máis novidoso. Serían para gardar na videoteca intervencións coma:
R.V. (ondiá, que coincidencia): Y el premio Maestro Matías a la mejor película gallega es para... (redobre) AVATAR!!!!!!
ASESOR DE R.V. (en baixiño): Ps, ps, señor conselleiro! Que Avatar non é galega!
R.V.: Bueno, ya estamos... Es que os ensimismais, coño, os ensimismais...

... Xa fose conselleiro de cultura no 409 d.c.?
Non me digades que non sería ser interesante ver o seu recibimento aos suevos:
RV: Por finis!!! Xa me estabades tardandunt, eh! Espero que ac horam nos impoñatis a vostra culturam...
SUEVO QUE PUCHABA ALGO DE LATÍN: Pero que dis, rapás! (é que falaba latín occidental...) Se nós somos uns brutos, que nos rexemos polo dereito consuetudinario por non pasar traballo a escribir, e que de pontes, termas, sidades da cultura e cousas desas que fasedes vós non temos nin idea...
R.V.: Ai si, ho, a culturam romanae da Gallaeciae (todo da primeira, of course) está ben, pero limita, non sabes...
SUEVO...: Oi que carallo... Mira, ho, e logho non haberá por aí alghén do Consello de Ansiáns, que me parese que ti pouco vas durar no cargho, eh! Chámame o encarghado, anda...
R.V: Si, homo!!! Vouche chamar a un dos que magis mandant. Leva presidindo o Consello unha moream de agnus. Don Manueeeeeeeeel!!!! Que por aquí preguntant por vostede!

... Substituíse a Samuel Juárez en Medio Rural?
O noso campo melloraría moitísimo: Todas as vacas terían que ir decoradas, rollo Cow Parade, o queixo de Arzula (y más el de Mellid, que nunca se recuerda la gentiña de el) tería que fusionarse co Grouyère (ou é que queredes ensimismarvos, panda de impositores do galego?). Por suposto, os poucos carros das vacas que queden terían que asemellarse aos carros de cabalos dos Amish (por darlle un toque máis internacional, máis que nada). Ah, e pobre do que poña folk no cedé do tractor. Or country or nothin!
...Substituíse a Núñez Feijoo nas vacacións (e/ou viaxes a Roma subvencionadas)?
Um... A verdade é que non se notaría nada...

En fin, que como din as vellas, que de xente desta saben moito, se algo disto acontece "Ai Jasús, Dios me leve antes de padeser tanto!"

Thursday, February 11, 2010

Galicia Bisexual, de Xabier Cordal.

Ola!!!


Xa hai tempo que non escribía por aquí (máis que nada porque ando sen internete) pero é que hoxe abrín Vieiros, vin un artigo de Xabier Cordal e non puiden evitalo. Retranca en estado puro, mala ostia tradicional galega destilada con pouquiño lume, pinga a pinga para que renda máis. Houbo un tempo no que este tipo de artigos eran habituais, e o mundo non se artellaba mellor, pero polo menos desafogábamos. Se é que xa o dixen eu sempre: "Contra Fraga vivíamos mellor!".

Sen máis, velaquí vos deixo este artigo sobre o seguinte manifesto de Glory Lake segundo este rapaz ao que tan ben lle sentan os aires da Chaira. Saúde!



Galicia Bisexual
13:45 10/02/2010
é unha organización sen ánimo de lucro cuxo fin é defender os dereitos dos pais (e das nais, cando proceda) ou, no seu caso, dos alumnos (e das alumnas, cando proceda) a escoller o tipo de sexualidade no que estes han de ser educados e, en xeral, o dereito dos cidadáns (etc.) a escolleren de forma libre a súa sexualidade.

1.

Manifestamos o noso máximo respecto polas dúas sexualidades, a heterosexual e a homosexual, existentes en Galicia. Galicia é bisexual e polo tanto heterosexuais ou gays (e lesbianas e bisexuais, que forman parte da tendencia devandita), como parte do noso patrimonio, merecen recoñecemento e protección.

2.

Os cidadáns (etc.) deben ter o dereito de relacionarse en calquera modalidade sexual admitida no territorio e a Administración deberá dirixirse aos cidadáns, sen lascivia, atendendo á sexualidade que eles escolleron previamente.

3.

A Administración debe absterse de impoñer hábitos sexuais e de establecer cotas mínimas de calquera das opcións. Calquera coacción ou imposición neste sentido debe ser rexeitada por constituír unha clara vulneración da liberdade individual.

4.

Cremos que só os practicantes dunha ou doutra sexualidade son suxeitos de dereito, e non as sexualidades en si. As sexualidades non andan polo aire exhibindo os seus atributos, son as persoas as que os teñen. Consideramos que cando nun territorio existan varias sexualidades recoñecidas polo Estado, o seu ensino debe ser obrigatorio para quen así o desexe (por exemplo: os heterosexuais desexamos recibir unha educación non homosexual). Pero os pais deben ter liberdade de elección, de maneira que se un alumno prefire instruírse como homosexual existan colexios habilitados a tal efecto.

5.

Cómpre ter en conta que a homosexualidade e os seus usuarios teñen sufrido situacións de agravio no pasado remoto, o cal tampouco xustifica hoxe que se vulnere o dereito dos pais heterosexuais a evitar ás súas fillas escenas de lesbianismo explícito. Nos colexios onde se exerza ese tipo de ensinanza é necesario limitar as axudas públicas, de maneira que ninguén se sinta incentivado para abandonar a sexualidade na que se nota máis cómodo.

6.

Pensamos que, de existiren, as escolas declaradamente homosexuais deben situarse en lugares sempre illados das opcións libres, parecéndonos unha boa medida para evitar a discriminación que eses centros ocupen zonas rurais e pequenas poboacións onde os grupos de pervertidos –debido ás xa citadas situacións de agravio no pasado remoto- se foron concentrando silenciosamente.

7.

Vai contra a bisexualidade de Galicia que un profesor de matemáticas sexa invertido. Nada temos contra a homosexualidade no ambiente doméstico ou nas zonas vixiadas, pero a pedofilia é delito no territorio español e Galicia Bisexual acudirá aos xulgados ante calquera intento de proselitismo que desafíe a moral imperante.

8.

A modalidade para determinar na aula qué tipo de inclinación se ensina á nosa familia será a consulta vinculante aos pais (e ás nais, cando proceda), de xeito que:

-se o 49% (ou menos) dunha aula escollese a homosexualidade, o Estado garantirá que o resultado se asuma democraticamente e procederá á castración química dos menores que perderon a votación.

-no caso de que varios pais e nais opostos ao heterosexualismo se confabulen para superar o 50%, as comunidades que defenden a pervivencia da familia terán o dereito individual a solicitar un cambio de centro e, no seu caso, a esixir da Xunta que mediante sinais exteriores se facilite ao cidadán común a identificación rápida dese tipo de escolas e institutos.

9.

Sabemos que a ambigüidade sexual con tapadeira pedagóxica é un negocio a través do que certos desviados obteñen subvencións. O diñeiro institucional nunca debe servir para que –invocando os pequenos agravios do pasado remoto- clubs de sodomitas e fanáticas de inspiración lésbica se dediquen a intimidar na rúa a quen practicamos a única sexualidade cuxo fin é a perpetuación da especie humana.

10.

Que se prepare, que se prepare esa recua de enfermos que afirman experimentar pracer sexual blasfemando contra o corpo en prácticas condenadas de maneira moi explícita por todas as relixións solventes do mundo. A razón e a tolerancia están da nosa parte.

11.

Maruchi, te tengo dicho que como te vea otra vez con esa bollera asquerosa que debería ir a un médico te interno en las monjas concertadas de un hostión y lo más parecido a una mujer que te voy dejar van ser los dibujos de la Hello Kitty.


GALICIA ES BISEXUAL, PERO NOSOTROS NO


DEJEN TRANQUILOS A NUESTROS HIJOS


¡LIBERTAD, LIBERTAD, LIBERTAD!

Tuesday, November 17, 2009

Casualidades

Hai tempo que non escribía neste blogue. Pode ser que non tivera gran cousa que dicir. Tamén pode ser que a presión mediática non me obrigara (cousa que cambiou coa chegada a estas leiras do Abelleira, que sexa benvido, por certo). O caso é que, xusto hoxe, espertei coa ansia de arar un anaquiño máis de terra, de mover un chisco máis aló o marco. Será casualidade.

Hai tempo que non escribía neste blogue. Pode ser que non tivera gran cousa que dicir. Nun dos últimos posts que escribín, como cara dedicatoria ao Páulix ( www.ulmodearxila.blogspot.com ), dicía que hai unha serie de lugares que se converten en comúns a mercede das casualidades. O caso é que, xusto hoxe, sei que mañá todos eses lugares volverán a ser percorridos por un carro cor-merda-de-pita ben coñecido por alí. Será casualidade.

Hai tempo que non escribía nest blogue. Pode ser que esta bitácora de ser nómade non tivera sentido nun momento estático, nun momento no que non hai derrota que procurar, nin ronsel ao que virarse. O caso é que, xusto hoxe, a miña casa volven ser os camiños. Será casualidade.

Hai tempo que non escribía neste blogue. Pode ser que nos últimos tempos a terra dos Koalas estaba desubicada, e xa non tiña sentido sen procurar a súa meseta irmá. O caso é que, xusto hoxe, podo ver as Torres de Arneiro marcando o horizonte. Será casualidade.

Hai tempo que non escribía neste blogue. Pode ser que o Cuartel Xeral do GhSF (non llo digades a ninguén, que é secreto, pero está na Chaira) estaba pechado. O caso é que, xusto hoxe, volvín abrir as súas portas e, mira ti, nada máis prender o televisor oficial do LICRa(r) comezaron a soar os Fuxan os Ventos cantando unha canción tan chairega coma O Carro. Será casualidade.

Hai tempo que non escribía neste blogue. Pode ser que ultimamente non ingresaba na Facultade de Filoloxía da USC (Universidade Secular da Chaira) a matricularme en Filoloxía Chairega. O caso é que, xusto hoxe, volvo estar matriculado nun Simposio do ILC (Instituto da Lingua Chairega). Será casualidade?

Monday, January 19, 2009

Declaración de Intencións (de-voto)

Sempre pensei que era algo irreal. Que era unha ladaíña coa que nos quentaban a orella nos telexornais e máis na prensa, pero resulta que é certo, tan certo que me pasou a min. Si, meus sachadores e sachadoras, AS ENQUISAS DE INTENCIÓN DE VOTO EXISTEN!!!
E tanto existen que me fixeron unha a min. Vale, non dixeron en ningún momento a palabra voto nin partido político (igual é que por algunha desas normativas electorais que se me escapan está prohibido ou cousa parecida, non o sei) pero unha enquisa telefónica na que a cuestión é Como se definiría vostede ideolóxicamente? Por que? non creo que teña moitas máis utilidades.

O caso é que contestei con sinceridade (máis que nada porque non dei adiviñado de que partido político sería a amable moza que mo preguntaba. Senón a min pouco traballo me daba deixala contenta a ela e máis aos seus superiores) á primeira parte da pregunta,e para a segunda remitina a este blog, máis que nada porque non tiña tanto tempo como para respostarlle a por que penso o que penso. Sei que non vai ler isto nin de coña, pero como un trato é un trato vouno intentar contar aquí de xeito que se me entenda:

Nacín 26 anos atrás (polo que, como verás, querida enquisadora, estou fóra da vellice, o que practicamente excluiría o meu pensamento) nunha familia asentada no medio rural. Isto fixo que aprendera antes a imitar o son dos paxaros que a falar (ou case), cousa que, obviamente, fixen en galego. Ademais tiven sorte e fun a unha escola na que a lingua vehicular (cousa que en teoría é obvia, co 100% de alumnado galego-falante, pero que non se dá en moitos casos) era o galego, incluso nas clases de lingua castelá. Este feito permitiume falar a miña lingua ata o día de hoxe, e incluso convertela na miña profesión: si, son licenciado en filoloxía galega e profesor de galego na secundaria.

Outra faceta da miña vida que pervive dende a infancia é a música. Fíxenme gaiteiro (ou aprendiz de) aos cinco anos e, como saberás, "os vellos gaiteiros nunca morren", pero si que se reciclan, de maneira que fun pasando por diversos xéneros, pero sen saír nunca do ámbito da música tradicional, e o que ten máis mérito, sen caer na tentación das marcianadas ben subvencionadas ás que algúns chaman "bandas de gaitas". Agora estou no dique seco, pero sigo compoñendo cancións que ninguén escoitará nunca, e sempre en galego.

Igual non é bo ser máis papista que o papa, e tampouco o ha de ser ser máis pondaliano que Pondal, pero eu non podo evitar que, cando me ergo, na miña casa vexa por unha fiestra As Maroñas, por outra Brandoñas e Brandomil mentres que na cociña (tendo a levantarme máis ben tarde) arrecende xa ao pan que nos traen dende Arantón. Para ver A Piosa teño que saír a fóra, porque pola fiestra tápama un carballo case centenario que hai diante da miña porta.

Toda a vida vivín no campo e do campo, e é que, para colmo de males, son ademais gandeiro destes de toda a vida, dos que intentan facer da súa explotación unha corte, non unha nave industrial, e que viron como políticas estatais e europeas cambian de vento cada poucos anos, obrigándonos a empeñarnos para mercar cotas, eliminándoas...

A miña terra báñaa un río de sempre expoliado por certos señores sen moitos escrúpulos que se diga. Este é o primeiro río que ten unha billa na súa saída ao mar, e a nós non nos fan falta lendas que nos falen de cidades asulagadas porque cidades non, pero aldeas temos algunha asulagada por un dos encoros con máis superficie do estado. E digo asulagadas porque é como están normalmente, salvo cando un deses señores sen escrúpulos dos que falaba antes lle dá por baleiralo, facendo que morra unha parte ben importante da fauna do río, cousa que, ademais que por ser un ser humano en xeral, que xa debería ser suficiente, eu sonche tamén pescador, sen americanadas estrañas: cana natural das que temos na horta (si, seguimos tendo horta, non tarxeta de hipermercado) e miñoca de toda a vida.

En fin, que non sei se che valerá como explicación, pero puxen nela todo o meu interese, máis que nada porque me caeches moi ben, pero por se queres a versión resumida de todo isto, direiche que podería ter outra ideoloxía, pero sería un descastado.

Friday, November 28, 2008

Abelix provii (V)

Ola de novo!!!


Dicía o Aussías (March, para os non amigos) que nunca trigo negro deu pan branco, e nunca burro vello foi bo andador (e manda carallo, porque eses eloxios eran para a súa amada. En fin... os medievais, xa se sabe...).

Hoxe o Abélix Provii é unha contradición aos poemas de Aussías, porque nunca pensei ter que dedicarlle un epígrafe a un grupo que, que conste, teño canonizado.

Resulta que estes días ando sen antena da radio no coche (algunha, que se esquece de quitarlla e despois pasa o que pasa) teño os cd´s aprendidos de memoria, e non poido senón lamentarme ao detectar estrofas coma:

Coma un paxaro sen aire
atravesando o camiño
vives no teu mundo alleo
e fuxes do teu destiño*


Trátase de Fusco, un tema do segundo disco de Berrogüetto

A ver, eu entendo que as rimas consoantes quedar, o que é quedar, quedan ben máis chulas que as asoantes, pero chegar a estas cousas... Non sei, paréceme pasarse un pouco, non? E iso sen meterse coa forma verbal empregada que, en fin...

Pouco despois hai outra que non aparece neste compendio por problemas léxicos ou gramaticais, senón semánticos:

Non me queres ver de lonxe
nin de preto tan sequera (sic)
pasas diante dos meus ollos
coma se eu non estivera


A ver... Igual é que eu son medio finolis para estas cousas, pero eu creo que non é cuestión de "finolisicidade" pararse a pensar que é un tanto absurdo queixarse de que unha persoa que non nos quere nin ver ao lonxe, nos queira ver de preto. Paréceme un chisco Contradictio in Terminis, non?

En fin... Conste que o meu respecto cara este grupo é inmenso, e que este par de lagoas non abafan nin moito menos a súa calidade, pero aínda así, e á espera dunha edición dedicada a Ávalon (esa terá que ser publicada en varias tandas, porque aí si que hai para dedicarlle tempo) éncheseme o corazón de mágoa ao ter que dicirvos coma sempre Bks 1000! e a eles...

Destino, non destiño

Monday, October 06, 2008

Amodiño...

E é que é andando amodiño como mellor se ven as cousas...

Quizais nunca ningún/ha de vós probou nunca a ir a pouca velocidade pola estrada, e polo tanto non se parou a ler e a fixarse en todos e cada un dos sinais (de tipoloxía diversísima, pois agora ademais dos homologados para as estradas -os que aparecen nos libriños da autoescola cando facemos tests coma tolos para que nos dean o carné- coloca sinais todo o mundo: Deputacións, concellos, parroquias, asociacións de hosteleiros, comisións de festas e creo que ata o da panadaría da esquina).
Isto da bipolaridade fololóxico-gandeiril que me posúe permitiume facelo estes días (eu por min había ir amodo polo carallo, pero os axentes de Tráfico non están moi polo labor de que pasemos de 40, que disque xa tiñamos que ir a 25 e fan a vista gorda) e quedou para min marcada a sinalización dunha estrada en concreto que me fixo pensar ben, e volver a remexer na cachola a cuestión toponímica -que tan de moda está nestes tempos, ao ser o tema do que se ocupe o simposio ILGA´08, con presentación da denominada "parella da década" incluída- e a existencia, na que ata agora non reparara moito, dunha clase moi concreta de topónimos, e é a de palabras referidas ás vías de comunicación.
Explícome:
A estrada en cuestión (supoño que só aproximadamente, pois non creo eu que os nosos antepasados foran tan parvos coma para dar tantas curvas...) percorre o trazado polo que antigamente pasaba un Camiño Real e, quen sabe, se de xeito máis antigo incluso algunha calzada romana (por tirarse de fuciños non pasa nada, ou?), xa que é o mesmo itinerario que segue o Camiño de Santiago a Muxía e Fisterra. Pois ben, unha vez en antecedentes, comezo a soltar topónimos:

-Camiño Real: É unha das pequenas aldeas que hai ás beiras da estrada en cuestión. No significado do topónimo xa nin sequera entro, que me parece ata insultante.

- Piaxe: Disimilacións regresivas á parte (e para os que din que chamarlles peaxes ás das autoestradas é "galego de laboratorio" ben se ve o que puido ser os comezos desa poboación, e é que ben seguro que máis de un deixou alí uns bos cartiños para poder pasar.

- Cornado (,Marco do): Da selección de topónimos esclarecedores que estou poñendo, quizais este sexa o que ten máis aquel. Cando nos referimos a este termo, realmente remitímonos a dous lugares. Por un lado está a aldea do Cornado, que así "inprinsipiu" poderiamos relacionar con outros moitos topónimos próximos (mesmo hai quen di que esa é a orixe d´A Coruña) coma A Corna, Corneira, Cornanda, etc. que (e se meto a zoca non pasa nada que ha haber quen me corrixa) nos remite ao léxico da pedra, a zonas altas e de orografía agreste. Ben... A vós parécevos que o poría así se pensara iso? Non creo que me coñezades tan pouquiño, e é que o que me anda ás voltas na cabeza vén de dous factores. Por un lado está a existencia dun punto (hoxe hai un cruce de estradas, mais antigamente era un punto no medio do camiño, sen máis relevancia) denominado O Marco do Cornado que para máis INRI (e aquí vén o 2º factor) os velliños de alí (cear na casa da xente á que lle vas ensilar ten estas recompensas) relacionan cun marco, cunha pedra chea de inscricións que estaba chantada no lugar en cuestión e que hoxe, tristemente, está desaparecida, seguramente empregada para tapar algún fachanco (non é un erro tipográfico, aquí chamámoslle así) dalgunha leira. Isto lévame a pensar na posibilidade dun "Cornado" derivado de "Coronado". Tratándose dun punto relevante nun Camiño Real, creo que tería sentido pensar que nas inscricións da pedra en cuestión (xa postos a botarnos polas pozas mesmo vou dicir que incluso podería ser un Miliario) aparecera o nome dun rei, de aí o nome de Marco do Cor(o)nado...

Mentres sigo debullando a 40 Km/h neste termo, acábame de aparecer outra dúbida existencial deste tipo... Pesadoira, será un lugar no que se pesaban as mercadorías para pagar por elas, tipo fielato?...

Creo que vou ter que deixar Románicas que me está facendo moito mal, eh!

Bks 1000!