Monday, January 19, 2009

Declaración de Intencións (de-voto)

Sempre pensei que era algo irreal. Que era unha ladaíña coa que nos quentaban a orella nos telexornais e máis na prensa, pero resulta que é certo, tan certo que me pasou a min. Si, meus sachadores e sachadoras, AS ENQUISAS DE INTENCIÓN DE VOTO EXISTEN!!!
E tanto existen que me fixeron unha a min. Vale, non dixeron en ningún momento a palabra voto nin partido político (igual é que por algunha desas normativas electorais que se me escapan está prohibido ou cousa parecida, non o sei) pero unha enquisa telefónica na que a cuestión é Como se definiría vostede ideolóxicamente? Por que? non creo que teña moitas máis utilidades.

O caso é que contestei con sinceridade (máis que nada porque non dei adiviñado de que partido político sería a amable moza que mo preguntaba. Senón a min pouco traballo me daba deixala contenta a ela e máis aos seus superiores) á primeira parte da pregunta,e para a segunda remitina a este blog, máis que nada porque non tiña tanto tempo como para respostarlle a por que penso o que penso. Sei que non vai ler isto nin de coña, pero como un trato é un trato vouno intentar contar aquí de xeito que se me entenda:

Nacín 26 anos atrás (polo que, como verás, querida enquisadora, estou fóra da vellice, o que practicamente excluiría o meu pensamento) nunha familia asentada no medio rural. Isto fixo que aprendera antes a imitar o son dos paxaros que a falar (ou case), cousa que, obviamente, fixen en galego. Ademais tiven sorte e fun a unha escola na que a lingua vehicular (cousa que en teoría é obvia, co 100% de alumnado galego-falante, pero que non se dá en moitos casos) era o galego, incluso nas clases de lingua castelá. Este feito permitiume falar a miña lingua ata o día de hoxe, e incluso convertela na miña profesión: si, son licenciado en filoloxía galega e profesor de galego na secundaria.

Outra faceta da miña vida que pervive dende a infancia é a música. Fíxenme gaiteiro (ou aprendiz de) aos cinco anos e, como saberás, "os vellos gaiteiros nunca morren", pero si que se reciclan, de maneira que fun pasando por diversos xéneros, pero sen saír nunca do ámbito da música tradicional, e o que ten máis mérito, sen caer na tentación das marcianadas ben subvencionadas ás que algúns chaman "bandas de gaitas". Agora estou no dique seco, pero sigo compoñendo cancións que ninguén escoitará nunca, e sempre en galego.

Igual non é bo ser máis papista que o papa, e tampouco o ha de ser ser máis pondaliano que Pondal, pero eu non podo evitar que, cando me ergo, na miña casa vexa por unha fiestra As Maroñas, por outra Brandoñas e Brandomil mentres que na cociña (tendo a levantarme máis ben tarde) arrecende xa ao pan que nos traen dende Arantón. Para ver A Piosa teño que saír a fóra, porque pola fiestra tápama un carballo case centenario que hai diante da miña porta.

Toda a vida vivín no campo e do campo, e é que, para colmo de males, son ademais gandeiro destes de toda a vida, dos que intentan facer da súa explotación unha corte, non unha nave industrial, e que viron como políticas estatais e europeas cambian de vento cada poucos anos, obrigándonos a empeñarnos para mercar cotas, eliminándoas...

A miña terra báñaa un río de sempre expoliado por certos señores sen moitos escrúpulos que se diga. Este é o primeiro río que ten unha billa na súa saída ao mar, e a nós non nos fan falta lendas que nos falen de cidades asulagadas porque cidades non, pero aldeas temos algunha asulagada por un dos encoros con máis superficie do estado. E digo asulagadas porque é como están normalmente, salvo cando un deses señores sen escrúpulos dos que falaba antes lle dá por baleiralo, facendo que morra unha parte ben importante da fauna do río, cousa que, ademais que por ser un ser humano en xeral, que xa debería ser suficiente, eu sonche tamén pescador, sen americanadas estrañas: cana natural das que temos na horta (si, seguimos tendo horta, non tarxeta de hipermercado) e miñoca de toda a vida.

En fin, que non sei se che valerá como explicación, pero puxen nela todo o meu interese, máis que nada porque me caeches moi ben, pero por se queres a versión resumida de todo isto, direiche que podería ter outra ideoloxía, pero sería un descastado.

2 comments:

marykinha said...

OMG!
Así que esas enquisas existen... de todas formas Avelix, direiche que só es unha mostra moi pequena da población (refirome o de ser enquisado)así que non sei como será o "Campana de Gauss" que a pobre rapaza terá que facer...
Bicos anda e Feliz Aninovo, que xa facía tempo que non escribías nada!

abelleira said...

Moi interesante o teu blogue Abel pero non sei se sabes un refrán que di: "quen ten tenda que a atenda". Saúdos desde Outes.

Abelleira