Tuesday, November 17, 2009

Casualidades

Hai tempo que non escribía neste blogue. Pode ser que non tivera gran cousa que dicir. Tamén pode ser que a presión mediática non me obrigara (cousa que cambiou coa chegada a estas leiras do Abelleira, que sexa benvido, por certo). O caso é que, xusto hoxe, espertei coa ansia de arar un anaquiño máis de terra, de mover un chisco máis aló o marco. Será casualidade.

Hai tempo que non escribía neste blogue. Pode ser que non tivera gran cousa que dicir. Nun dos últimos posts que escribín, como cara dedicatoria ao Páulix ( www.ulmodearxila.blogspot.com ), dicía que hai unha serie de lugares que se converten en comúns a mercede das casualidades. O caso é que, xusto hoxe, sei que mañá todos eses lugares volverán a ser percorridos por un carro cor-merda-de-pita ben coñecido por alí. Será casualidade.

Hai tempo que non escribía nest blogue. Pode ser que esta bitácora de ser nómade non tivera sentido nun momento estático, nun momento no que non hai derrota que procurar, nin ronsel ao que virarse. O caso é que, xusto hoxe, a miña casa volven ser os camiños. Será casualidade.

Hai tempo que non escribía neste blogue. Pode ser que nos últimos tempos a terra dos Koalas estaba desubicada, e xa non tiña sentido sen procurar a súa meseta irmá. O caso é que, xusto hoxe, podo ver as Torres de Arneiro marcando o horizonte. Será casualidade.

Hai tempo que non escribía neste blogue. Pode ser que o Cuartel Xeral do GhSF (non llo digades a ninguén, que é secreto, pero está na Chaira) estaba pechado. O caso é que, xusto hoxe, volvín abrir as súas portas e, mira ti, nada máis prender o televisor oficial do LICRa(r) comezaron a soar os Fuxan os Ventos cantando unha canción tan chairega coma O Carro. Será casualidade.

Hai tempo que non escribía neste blogue. Pode ser que ultimamente non ingresaba na Facultade de Filoloxía da USC (Universidade Secular da Chaira) a matricularme en Filoloxía Chairega. O caso é que, xusto hoxe, volvo estar matriculado nun Simposio do ILC (Instituto da Lingua Chairega). Será casualidade?

3 comments:

Abelleira said...

De casualidades está o mundo cheo Avelino.
Un post moi acertado, sobre todo, pola estrutura que lle deches.

Por outra parte e, polo que me toca, graciñas pola benvida aínda que, realmente, xa facía algún tempo que visitaba ocasionalmente o teu blogue. O que sucedeu é que como vía que non labrabas nada estas leiras decidín darlle un "toque" ao seu amo e señor. xDDD

Saúdos chuviosos desde Outes.

Ulmo de Arxila said...

De casualidades está o mundo cheo, é boa verdade, mais se son tan gorentosas coma esta, benvidas sexan.
Benvido e a darlle lume!

ghuilianxallas said...

Ola de novo!

Moitas grazas polos vosos comentarios. Xa sei que debería pasarlle o arado cun pouco máis de frecuencia a isto, que case o teño a barbeito, pero no meu novo destino non teño internés, así que en canto poida, unha nova entrega do Abélix Provii, vale?

Saúdos! (chuviosos tamén en Ponteareas)