Monday, October 06, 2008

Amodiño...

E é que é andando amodiño como mellor se ven as cousas...

Quizais nunca ningún/ha de vós probou nunca a ir a pouca velocidade pola estrada, e polo tanto non se parou a ler e a fixarse en todos e cada un dos sinais (de tipoloxía diversísima, pois agora ademais dos homologados para as estradas -os que aparecen nos libriños da autoescola cando facemos tests coma tolos para que nos dean o carné- coloca sinais todo o mundo: Deputacións, concellos, parroquias, asociacións de hosteleiros, comisións de festas e creo que ata o da panadaría da esquina).
Isto da bipolaridade fololóxico-gandeiril que me posúe permitiume facelo estes días (eu por min había ir amodo polo carallo, pero os axentes de Tráfico non están moi polo labor de que pasemos de 40, que disque xa tiñamos que ir a 25 e fan a vista gorda) e quedou para min marcada a sinalización dunha estrada en concreto que me fixo pensar ben, e volver a remexer na cachola a cuestión toponímica -que tan de moda está nestes tempos, ao ser o tema do que se ocupe o simposio ILGA´08, con presentación da denominada "parella da década" incluída- e a existencia, na que ata agora non reparara moito, dunha clase moi concreta de topónimos, e é a de palabras referidas ás vías de comunicación.
Explícome:
A estrada en cuestión (supoño que só aproximadamente, pois non creo eu que os nosos antepasados foran tan parvos coma para dar tantas curvas...) percorre o trazado polo que antigamente pasaba un Camiño Real e, quen sabe, se de xeito máis antigo incluso algunha calzada romana (por tirarse de fuciños non pasa nada, ou?), xa que é o mesmo itinerario que segue o Camiño de Santiago a Muxía e Fisterra. Pois ben, unha vez en antecedentes, comezo a soltar topónimos:

-Camiño Real: É unha das pequenas aldeas que hai ás beiras da estrada en cuestión. No significado do topónimo xa nin sequera entro, que me parece ata insultante.

- Piaxe: Disimilacións regresivas á parte (e para os que din que chamarlles peaxes ás das autoestradas é "galego de laboratorio" ben se ve o que puido ser os comezos desa poboación, e é que ben seguro que máis de un deixou alí uns bos cartiños para poder pasar.

- Cornado (,Marco do): Da selección de topónimos esclarecedores que estou poñendo, quizais este sexa o que ten máis aquel. Cando nos referimos a este termo, realmente remitímonos a dous lugares. Por un lado está a aldea do Cornado, que así "inprinsipiu" poderiamos relacionar con outros moitos topónimos próximos (mesmo hai quen di que esa é a orixe d´A Coruña) coma A Corna, Corneira, Cornanda, etc. que (e se meto a zoca non pasa nada que ha haber quen me corrixa) nos remite ao léxico da pedra, a zonas altas e de orografía agreste. Ben... A vós parécevos que o poría así se pensara iso? Non creo que me coñezades tan pouquiño, e é que o que me anda ás voltas na cabeza vén de dous factores. Por un lado está a existencia dun punto (hoxe hai un cruce de estradas, mais antigamente era un punto no medio do camiño, sen máis relevancia) denominado O Marco do Cornado que para máis INRI (e aquí vén o 2º factor) os velliños de alí (cear na casa da xente á que lle vas ensilar ten estas recompensas) relacionan cun marco, cunha pedra chea de inscricións que estaba chantada no lugar en cuestión e que hoxe, tristemente, está desaparecida, seguramente empregada para tapar algún fachanco (non é un erro tipográfico, aquí chamámoslle así) dalgunha leira. Isto lévame a pensar na posibilidade dun "Cornado" derivado de "Coronado". Tratándose dun punto relevante nun Camiño Real, creo que tería sentido pensar que nas inscricións da pedra en cuestión (xa postos a botarnos polas pozas mesmo vou dicir que incluso podería ser un Miliario) aparecera o nome dun rei, de aí o nome de Marco do Cor(o)nado...

Mentres sigo debullando a 40 Km/h neste termo, acábame de aparecer outra dúbida existencial deste tipo... Pesadoira, será un lugar no que se pesaban as mercadorías para pagar por elas, tipo fielato?...

Creo que vou ter que deixar Románicas que me está facendo moito mal, eh!

Bks 1000!

3 comments:

Ulmo de Arxila said...

Subcomandante, reflexións interesantes muitas das que aqui fas. O do Marco do Cornado, porén, está un pouco collido polos pelos... Fas mui ben en contextualizar o topónimo no seu marco (nunca mellor dito) físico e topográfico, cousa que muitos estudosos de gabinete non fan xamais, mais, con todo iso, a hipótese dunha síncope en COR(O)NADO, que por si só si poderia produzir-se e de feito produziu-se, non ten relazón directa a priori (penso eu, eh? que a miña opinión vale coma a de calquer!) coa história dese marco de que che falaron. A máis, neses marcos reais rara vez aparecen figuras de monarcas, e as grafias e xeito de escrita que aparecian neles son bastante ilexíveis para xentes do comun, e às vezes mesmo para especialistas, que se arman verdadeiros cristos. Ora ben, tamén é certo que "coroado" é un sinónimo de "rei",ainda que non sei do seu alcance nos textos, e, até onde eu lembro, na documentazón antiga (cando menos coa que eu traballei, que por suposto non é máis ca unha porción mínima de toda a que xerou a Galiza medieval) non aparece este termo con ese valor específico.
Por outro lado, como sabes perfeitamente, o substantivo C(O)ROA e os seus derivados, cando se aplican na toponímia, adoitan fazer referéncia às croas de castros. Mais, en fin, seria cuestión de afondar nesa via. Tampouco haveria que descartar unha conexión cos topónimos Cornido / Corneda... que teñen toda a pinta (digan o que digan os ultraceltistas resésigos doutrora) de seren derivados fitonímicos, concretamente do lat. CORNU 'cerollo, cereixa brava'. O sufixo -ado / -ada non é raro formando este tipo de derivados, p.ex. A MILLARADA, REBOLADA... e algun outro máis transparante neste sentido, mais que agora mesmo non se me vén à cabeza.
Bueno, que me lio e non chegho a ningures.Agardando por unha nova entrega de microtoponímia viária, deica outra!

Anonymous said...

Ouh Ulmo, poza profunda de sabedorías insondábeis!

Coma sempre - obviamente, que para iso es o entendido nestas coisas - as túas observacións fan ver as miñas opinións desde outra óptica e acábaseme de ocorrer que quizais a proximidade do marco en cuestión á aldea fixera que se coñecera como O Marco do Cornado simplemente por estar alí, no Cornado, veña de onde veña ese toponimo.

Porén, pensa que relativamente preto de alí tamén existe a Ponte Nafonso, que vén a vir da Ponte de Don Afonso, que (e falo dende a intuición, eh, sen datos) debe ser o rei co que se construíu, así que a outra hipótese non é de todo imposible...

Seguiremos pasando por alí amodiño, a ver se as propiedades telúricas que todo cruce de camiños ten na nosa teoloxía pos-céltica (ou pos-priscilianista, ou as dúas cousas, que igual todo é o mesmo) me inspira outras posibles solucións.

Mentres, remexe ben en Toxosoutos, non vaia ser que estea por alí apuntado nunha marxe ou na servilleta dos donuts dos amanuenses e esteamos a romper a cabeciña en balde, hehehe.

Saudiños!

Ulmo de Arxila said...

Con efeito, PONTENAFONSO creo que devia o seu nome ao rei Afonso II, ainda que non estou de todo seguro.