Tuesday, January 15, 2008

Cultura Popular (avance)

Ola de novo!
Vale, xa sei que prometera airear de vez en cando, e xa sei tamén que xa vai para un mes que teño as contras pechadas, pero compenderedes que, coa venteira que fai...
Así e todo, estívenlle a dar voltas a ver que novos cadros podía pendurar nestas paredes, e (grazas a unha conversa co nunca abondo loado Ulmo e a nunca aínda loada -cousa que ha cambiar, xa veredes- Rho) pensei eu para min que un bo fío do que tirar serían esas versións de clásicos populares que fan (ou facemos, vaia, que non lles quero botar as culpas aos demais) os de A Pereira-Mallón, e que son, diría eu que a actualización e a "Xallasización" do refraneiro de toda a vida. Hoxe non é día de poñerse a facer bricolaxe, que con este tempo a pintura tarda horrores en secar e o cemento-cola (nota a min mesmo: se mesturamos a masa con coca-cola o efeuto será o mesmo?????) non tira nin para atrais (homenaxe á área mindoniense, como non), pero para probar cores si que vale, así que aí vai unha mostra, a ver se vos mola a pintura:
O primeiro que me vén á cabeza é realmente o xerme de todo o demais, e neste caso non cumpre as regras do refraneiro popular, xa que a expresión ten autor coñecido e se me apurades ata copyright, xa que se trata da adaptación da arquicoñecida Lei de Murphy:
En primeiro lugar, vou deixar claro que eu, de toda a vida, xa tiña a versión propia desa lei, e que era máis que nada a versión estendida, co making-off e entrevistas ao director, por dicilo de algunha maneira, e que basicamente rezaba así:
"Canto menor sexa a superficie da torrada untada de manteiga, máis espectacular será o salto da citada torrada para caer xusto enriba dese anaco";pero, despois dunha serie de consultas ao C.A.E.V. (Léase Centro de Altos Estudos Villabollenses, que se o le algún que eu sei débese estar escarallando da risa e esperando unha burrada, coma sempre que se fala do citado organismo que nin é público nin privado nin sequera é) demostraron que o Murphy este, se dicía o da torrada era porque era "Un urbanita de la mierda" (desculpen a desviación lingüística, é que esta afirmación provén da nosa delegación no estranxeiro, en La Bañeza, ou por aí), xa que, segundo o mesmo investigador, se fora gandeiro a lei rezaría do xeito seguinte:
Cando se pousa a lona no silo, esta sempre cae coa parte pola que se desenrola para o lado de abaixo. Apréciese que o uso de desenrolar é correcto, que aquí somos paleo-falantes de toda a vida, pero o carallo non é iso, senón que a lei vén acompañada duns cálculos estatísticos que demostran a súa vericidade no 99.9% dos casos, o que dá lugar a un epílogo da mesma:
No caso de que se intente contrarrestar esta lei dándolle a volta á lona antes de botala, iso só se nos ocorre cando xa ía caer da forma correcta, co cal o efecto da citada prevención vese anulado.
Ao parecer, gárdase ese 0.1% para a excepción que, como tal, confirma a regra: unha vez que nos caeu a lona sen querer e quedou, incomprensiblemente, ao dereito. Cousas veredes...
Agardando poder seguir debullando estes estudos tan interesantes en canto nos vaian entregando os datos das súas evolucións dende o CAEV, deica outra e...
BKS 1000!

2 comments:

Ulmo de Arxila said...

Boísimo! Desde logo, fas méritos post a post para ser nomeado antropólogho do ano (xa sabes que antropólogho do Luar só há un, o Manuel Mandianes).
Frases célebres mui na liña doutras como "Máis vale páxaro en man que cen picando na lona do silo" ou "A quen madruga, non lle arranca ben o tractor". Os de Xallas/Xallás/Ksaias sempre subvertindo cousas... ;-)

ghuilianxallas said...

Hom, Ulmo...Aínda que non me destriparas o seguinte post non pasaba nada, eh!!! Ben, é igual, xa o colgarei e doulle así uns retoques coma quen é inédito e xa está... De todos xeitos, o CAEV tenme máis sorpresiñas preparadas, e non creo que se note se algunhas van repetidas...
Unha aperta!!!