Tuesday, January 22, 2008

Cultura Popular 1.2 (Urxente)

02:00 Zulú.
Cuartel - Pensión Xeral Provisorio do GhSF-r (seczón dura).
Primeira Liña de Batalla (á dereita da isoglosa).


Son as tantas da mañá. Un pitido que nun principio me semella un tren que me vai levar por diante sen solución de continuidade rescátame de terribles pesadelos polos que deambula o polo menos intranquilizador “toc, toc, toc” de Fole, mesturado cun sempiterno corvo de Poe, que voa dun lado ao outro da “Haifa” feita cuarto repetindo unha e outra vez o seu desagradable “Crow de raven: Never More”, que me transportan a escuros momentos do pasado. Nota mental a min mesmo: a combinación de litros de café e Coca-Cola como único constituínte da cea, mesturado coa visión de “Hai que Botalos” xusto antes de durmir provocan serias disfuncións en canto ao que a definición ideal do sono pracenteiro se refire.
Ao pouco doume conta da procedencia real do son: o fax do CAEV cumpre co seu cometido e comeza a cuspir, un detrás do outro, un bo lote de follas a un ritmo do demo, mesmo semella que sabe da importancia do documento enviado. A cabeceira do documento, que o define como urxente e de alta confidencialidade fai que me poña a desencriptar rapidamente o complexo e segredo código empregado neste tipo de envios (tamén coñecido como AFI).
Paso a transcribir os fragmentos máis relevantes.

<...> O noso servizo de Pouca-Intelixencia acaba de emitir un informe que é preciso que sexa de dominio público inmediatamente.<...> Durante o transcurso da reunión segreda (e ben condimentada con viandas e bebidas espirituosas varias) d´A Pereira-Mallón, <...> os nosos micros, colocados segundo as metodoloxías “creativas” proporcionadas polos nosos homólogos fonetistas portugueses, rexistraron unha conversa que pode demostrar por vez primeira a teoría coñecida coma Pole de Ideas. <...>

A seguir vén unha extensa descrición da reunión, persoal que asiste a ela e outros datos técnicos que non son do caso, ou ben pola súa calidade de clasificados ou ben por non demorar máis o momento de dar a noticia ao mundo, polo que paso directamente ao que nos ocupa. (Nota: as negriñas non están presentes no orixinal).

<...>Un dos asistentes á asemblea critica a actitude de outro durante un operativo ao deixar o seu posto por unha suposta avaría, críticas entre as que se atopa a frase “Deixounos silando sós: a leira, o tractor e máis nós!” <...>

Pois si, membros e membras do GhSF todos e todas. Despois do ostracismo (seguramente ben merecido) do inimigo autor da citada teoría, aparecen nun suxeito (ben pouco dubidoso de complicidade coa mesma e traizón á causa, por certo) os síntomas de que a teoría que intenta explicar a aparición de ideas comúns entre individuos sen aparente conexión entre eles pode ser veraz. Para aqueles que dubiden da neutralidade do suxeito estudado, o informe recibido conclúe cun parágrafo que, como mínimo, pode alterar o ánimo de todos aqueles que o lean:

<...> Activadas todas as alarmas do Centro de Altos Estudos Villabollenses, procedeuse ao “ingreso” do suxeito nos nosos laboratorios. <...> Tras a infinidade de probas xa expostas, someteuse ao corpus (ben, máis ben á mente) de estudo á pregunta definitiva: (Ocúltanse, por razóns de seguridade, os nomes do investigador e do suxeito, caracterizado co pseudónimo M.R.)
CAEV: -Coñece vostede un artista denominado M. A.?
M.R.: - Xa llo dixen 1000 veces. Non me vai convencer. EU SON DA PARÍS DE NOIA DE TODA A VIDA...

No comments: