Monday, November 05, 2007

Tradición bucólica para os de fóra ou modernidade para os da casa? Velaquí o conflito...

Onte (domingo, 4 de novembro) apareceu na Voz de Galicia unha foto do parque de maquinaria dunha granxa e máis da súa empresa de traballos agrícolas, ben coñecida nesta zona, e de fondo un pazo que agora está destinado ao turismo rural. Pois ben, na citada noticia citábase como exemplo de feísmo, xa que estragaba as vistas, e é que xa o dicía Avelinito, a xente de fóra quere o campo verde pero que non chova, e o verde non o vai ir pintando por aí o concello, así que sen chuvia...
Pois ben, definían toda a maquinaria coma unha morea de "chatarra" cando moitas desas máquinas fai menos dun mes que as vin eu traballando e en plena forma, pero claro, para o turismo queda máis bonito un carro das vacas e un paisano que, cando lle pregunten se as vacas son boas, conteste: "Bueno..." Pois non, señores. Somos moitos os que vivimos no campo e do campo, e o que non imos facer é que se nos criminalice por modernizar o noso traballo, por mellorar a nosa calidade de vida, porque digo eu que está ben que ao campo veña xente de fóra, pero tamén digo que, de primeiras, a terra para quen a traballa, que parece mentira que volvamos a estas lerias. Como vedes, estábavos ben picado, así que decidín enviar unha carta ao director do xornal, pero como non ma van publicar nin de coña, déixovola aquí para que opinedes:
Señor director:
No seu xornal do pasado día 4 de novembro aparecía unha reportaxe fotográfica sobre o feísmo no rural galego e, se ben estou de acordo coa maioría dos contidos da citada reportaxe, e da postura que adopta o seu xornal a respecto da cuestión que nos ocupa, non podo dicir o mesmo dunha das fotos, e sobre todo do seu pé. Meténdonos xa en fariña, a citada foto aparecía cun pé no que se criticaba que moitos dos clientes dun pazo do século XVII, creo recordar, agora habilitado como casa de turismo rural, abandonaban o mesmo despois da primeira noite, ao ver que polas fiestras a paisaxe non era todo o idílica que se suporía, senón que incluía algo que, o mesmo pé, identificaba coma “chatarra”. Pois ben, o que na fotografía se podía observar non era precisamente chatarra, senón maquinaria agrícola, así coma unha vista parcial dun silo, que nos fai supoñer a existencia dunha granxa de vacún, cousa, polo que se ve, desagradable para a clientela do pazo.
Eu estou de acordo en que no rural se fixeron moitas barbaridades que tiveron como resultado iso que agora chamamos feísmo. Estou de acordo tamén en que o turismo rural pode ser un dos mellores xeitos de revitalizar o noso agro, pero no que tamén creo estar no certo é en que no noso campo a fonte de riqueza principal, o sustento da maioría das familias que del vive, segue a ser a agricultura e a gandería, e creo tamén que as dúas actividades se poden desenvolver dun xeito simultáneo, pero o que non podemos pretender é levar ao noso campo as estampas das gravacións de Xoaquín Lorenzo só para que a imaxe resulte máis bonita para o visitante. Para uns a ben, para outros posiblemente a mal, pero o certo é que a vida no rural cambiou, modernizouse e nese proceso houbo que pagar coa perda de imaxes tradicionais a calidade de vida da xente que vive nel.
O encontro entre a modernidade e as xentes que imaxinan (pois nin é, nin seguramente nunca foi) o campo como un lugar idílico de paz e cor verde non é un feito illado nesa fotografía: por todo o noso territorio aparecen continuamente conflitos. Así pois, quixera facer desta tamén unha carta aberta a toda esa xente para que pense, cando lles moleste o son dunha muxideira un domingo pola mañá, que hai xente que se ten que levantar 365 días ao ano para acendela; cando nas noites de máis traballo no campo escoite o ruído da maquinaria, que os que con ela traballan teñen que gañar a súa vida así, cando note olores desagradables, que no campo viven animais, e son eles os que os producen, non os seus donos.
Quizais se todo isto se chegara a comprender, se ir de visita ao campo incluíra o esforzo de entender as formas de vida que hai nel, camiñariamos por fin cara a dignificación da vida no noso rural.
Aproveito estas liñas (e déixoo xa, que cada vez que me pico sáenme uns posts enormes) para pedirvos, se sodes dos que vindes ao rural de visita, que respectedes aos que alí traballamos, porque, por moito que molestemos cando vós estades aquí na fin de semana ou en agosto, tamén somos nós os que nos encargamos de que o campo siga a estar onde está para o agosto do ano que vén, e parece que normalmente isto se esquece.
Ata a próxima contestación, no entanto...
BKS 1000!

2 comments:

team-rocket said...

boas...compracenos presentarnos, somos o team-roket e vims d hongkong. Estamos encantados de poder contactar desde o noso planeta co gran ghuilianxallas!! damoste a noraboa por estes grandes textos...xa que están moi ebn para ser de unha raza inferior a nosa!!Esperamos volver a contactar con vostede!!cibersaudos1000
team-rocket

ghuilianxallas said...

Ola cibervisitantas, hehehehe. Grazas polos saúdos e máis pola vosa existencia, que demostra que, ao contrario desta terra, noutras existe vida intelixente...
Para que vos vaiades familiarizando coa linguaxe xalleiro-koalística, a despedida aquí faise cun,
Bks 1000!
Falamos, vale?wapas!!!!!!!