Sunday, April 27, 2008

Estrelas amarelo-auto...

As noites desta fin de semana foron especiais neste estraño país ao que chamamos TERRA.

O ceo, límpido coma un perfecto cristal azul-mariño, estaba inundado con millentas estrelas que o enchían de pequenos puntos de luz na escuridade. Por debaixo del, onde queira que se mirase, a terra toda estaba chea de Santas Compañas formadas por dúcias, centos de V-2, sixilosas mostras de vida cando toda a natureza repousa a aquelas horas da noite/case-mañá.

No aire, ese fino arrecendo a herba fresca, mesturado co aroma que desprende a terra ao ensinar a súa lentura, o seu lado máis oculto, o seu segredo mellor gardado.

A banda sonora, composta ao lonxe por ronquidos de Jaguares, co leve son dos Jumbos ao engulir, coa respiración de Amazonas e Jumiles só era interrompida por algún ladrido esporádico, por algunha curuxa que atravesaba chiando o espeso aire ao que chamamos NOITE.

A humanidade a aquelas horas quedaba reducida a voces na distancia, case besbellos, case inaudibles. Máis preto, frases curtas, ditas a media-voz, ditas con esa melodía que ten o pronunciado polo medio de lábios que trazan un sorriso, pronunciado co aire especial ao que chamamos ilusión.

Rapazas, rapaces...

A vós que permitides o inmenso luxo de sentir o pracer da soidade coa tranquilidade de saberse acompañado con só pensar en 14 e en 19 dedícovos este post, que non vai rematar cun Bks 1000 coma decote, senón dicíndovos

FELIZ CAMPAÑA
e, ata a próxima, como dicimos neses blogues orais nos que convivimos...

Chau,chau!

2 comments:

Ulmo de Arxila said...

Jefe, que saibas (por se queres engordar máis ainda o teu currículum) que acabas de ser distinguido co prémio "Brillante Weblog 2008". Máis informazón sobre esta frikada en an-fianna.blogspot.com. Pasa-te por aí, que a casa invita a licor café.

marykinha said...

Que cousas "chief"... hahahaha acabo de ler algo que me deixaches no messenger e tes resposta...

Por certo, e isto vai tamen polo ulmo, onte estiven en Dublin e atraquei en Temple Bar, asi que en breves teredes mais agasallos meus :P

Beijos