Tuesday, May 11, 2010

Sala de profes!

Un instituto é coma unha guerra entre dous mundos diametralmente opostos. O centro dese diámetro é a mesa máis grande que os separa, e as regras destas batallas establecen que a súa duración é de 50 minutos. Non hai cornos que anuncien o seu inicio e retirada, foron substituídos por estridentes timbres. Coma en Troia, hai continuas treguas para que os dous exércitos se recuperen das feridas e, coma en Troia, todos saben que esas treguas nunca son preludio dun armisticio.
Durante esas treguas, anunciadas tamén co mesmo corno bélico convertido en timbre, as tropas retíranse aos seus campamentos. Os nosos inimigos foxen neses momentos ao aire libre e viciado (este último denominado cafetaría) e nós, os continuos perdedores que nunca se renden, ao noso forte: a sala de profes.
Neses momentos son encarnizados os debates sobre propostas pedagóxicas innovadoras, novos proxectos e materiais didácticos e...

...que si, que é o que estades pensando. Pasamos o 90% do tempo que botamos na sala de profes de carallada. De feito, dun tempo a esta parte dediqueime entre risas a apuntar as conversas máis hilarantes. O caso é que perdín o caderniño (se Balbino fose tan torpe coma min Neira Vilas tería que escribir sobre o tempo) así que hoxe, que foi un día con dous recreos completiños, vounos anotar aquí. Igual non os le ninguén e, se alguén os le non lle gustan, pero polo menos non os perdo.

10:25
Profe de Historia vs. Profe de Reli
-E é que Xesús non é o primeiro comunista como din. En todo caso, Social Demócrata!
-Claro... Iso dilo porque no lago liouse a facer liberados sindicais en vez de queimar as barcas e as redes para facer barricadas.
-Exacto, íase cagar o Zebedeo, por explotador.
-E é que xa se sabe, para comunista, comunista, Xoán o Bautista, que non creo que fose máis de esquerdas, pero rima. (Escaralle xeral)


10:35

Profes en xeral

- Xefe, xefe!!! Hai que convocar un claustro urxente!
- E logo? Pasou algo grave, ou?
- Paréceche pouco? Estamos a 11 de maio e aínda non temos preparada a comilona de fin de curso!

[...]

-É que tiñan que volver aqueles tempos nos que daban clase de relixión os curas...
-Ala, home! Era o que nos faltaba, que te puxeras do lado destes (sinalando á fotografía de Rouco Varela presente no xornal enriba da mesa)!
- O carallo, rapaz! Ti tes moito que aprender. Ti sabes que viñazo traían os curas sempre que había cuchipanda? Era moito saber o do viño dos curas...

12:25

Novatos vs. veterano

- Ti que dis? Chamareille á nai? É que é moito desastre, eh!
- Non sei que dicirche... Tampouco é que se involucre moito e...
- Mirade, nenos, vouvos ensinar unha frase que vos vai aforrar moitos disgustos neste choio: lavarlle a cabeza a un burro, é perder o tempo e gastar xabón.
- ...

12:45

Rapaza de prácticas vs. titora

-Jo, é que onte portáronse xenial e hoxe non houbo quen os aturara. Ata houbo uns que querían cortar o brazo cun cúter para que despois lles deixara baixar a polo botiquín PARA PINTAR NAS MESAS CON BETADINE!!!
- Xa... É que como onte disimularon porque es nova e quería que viras como son de verdade, falei con eles para que se comportasen con naturalidade.
-Que... que lles dixeches?
-Que estabas facendo un cásting para Generación NI-NI. (risas en xeral)
-Ás veces non sei se os profes me dades vocación ou simplemente medo.

Tuesday, March 23, 2010

Que pasaría se Roberto Varela...

...Estivese enfermo o día de Fitur e o substituíse Xesús Vázquez? Poderíamos ver vídeos moito máis interesantes. Sería algo así coma...
- Y ti puedes see no concejo de Roof of de Monks... A tope con el trilingüismo!
... Decidise os premios Mestre Mateo do Audiovisual 2010? Veríamos con asombro como Foro Aberto recibiría o M.M. ao rigor xornalístico pola súa entrevista a Carlos Callón e Luar ao formato televisivo máis novidoso. Serían para gardar na videoteca intervencións coma:
R.V. (ondiá, que coincidencia): Y el premio Maestro Matías a la mejor película gallega es para... (redobre) AVATAR!!!!!!
ASESOR DE R.V. (en baixiño): Ps, ps, señor conselleiro! Que Avatar non é galega!
R.V.: Bueno, ya estamos... Es que os ensimismais, coño, os ensimismais...

... Xa fose conselleiro de cultura no 409 d.c.?
Non me digades que non sería ser interesante ver o seu recibimento aos suevos:
RV: Por finis!!! Xa me estabades tardandunt, eh! Espero que ac horam nos impoñatis a vostra culturam...
SUEVO QUE PUCHABA ALGO DE LATÍN: Pero que dis, rapás! (é que falaba latín occidental...) Se nós somos uns brutos, que nos rexemos polo dereito consuetudinario por non pasar traballo a escribir, e que de pontes, termas, sidades da cultura e cousas desas que fasedes vós non temos nin idea...
R.V.: Ai si, ho, a culturam romanae da Gallaeciae (todo da primeira, of course) está ben, pero limita, non sabes...
SUEVO...: Oi que carallo... Mira, ho, e logho non haberá por aí alghén do Consello de Ansiáns, que me parese que ti pouco vas durar no cargho, eh! Chámame o encarghado, anda...
R.V: Si, homo!!! Vouche chamar a un dos que magis mandant. Leva presidindo o Consello unha moream de agnus. Don Manueeeeeeeeel!!!! Que por aquí preguntant por vostede!

... Substituíse a Samuel Juárez en Medio Rural?
O noso campo melloraría moitísimo: Todas as vacas terían que ir decoradas, rollo Cow Parade, o queixo de Arzula (y más el de Mellid, que nunca se recuerda la gentiña de el) tería que fusionarse co Grouyère (ou é que queredes ensimismarvos, panda de impositores do galego?). Por suposto, os poucos carros das vacas que queden terían que asemellarse aos carros de cabalos dos Amish (por darlle un toque máis internacional, máis que nada). Ah, e pobre do que poña folk no cedé do tractor. Or country or nothin!
...Substituíse a Núñez Feijoo nas vacacións (e/ou viaxes a Roma subvencionadas)?
Um... A verdade é que non se notaría nada...

En fin, que como din as vellas, que de xente desta saben moito, se algo disto acontece "Ai Jasús, Dios me leve antes de padeser tanto!"

Thursday, February 11, 2010

Galicia Bisexual, de Xabier Cordal.

Ola!!!


Xa hai tempo que non escribía por aquí (máis que nada porque ando sen internete) pero é que hoxe abrín Vieiros, vin un artigo de Xabier Cordal e non puiden evitalo. Retranca en estado puro, mala ostia tradicional galega destilada con pouquiño lume, pinga a pinga para que renda máis. Houbo un tempo no que este tipo de artigos eran habituais, e o mundo non se artellaba mellor, pero polo menos desafogábamos. Se é que xa o dixen eu sempre: "Contra Fraga vivíamos mellor!".

Sen máis, velaquí vos deixo este artigo sobre o seguinte manifesto de Glory Lake segundo este rapaz ao que tan ben lle sentan os aires da Chaira. Saúde!



Galicia Bisexual
13:45 10/02/2010
é unha organización sen ánimo de lucro cuxo fin é defender os dereitos dos pais (e das nais, cando proceda) ou, no seu caso, dos alumnos (e das alumnas, cando proceda) a escoller o tipo de sexualidade no que estes han de ser educados e, en xeral, o dereito dos cidadáns (etc.) a escolleren de forma libre a súa sexualidade.

1.

Manifestamos o noso máximo respecto polas dúas sexualidades, a heterosexual e a homosexual, existentes en Galicia. Galicia é bisexual e polo tanto heterosexuais ou gays (e lesbianas e bisexuais, que forman parte da tendencia devandita), como parte do noso patrimonio, merecen recoñecemento e protección.

2.

Os cidadáns (etc.) deben ter o dereito de relacionarse en calquera modalidade sexual admitida no territorio e a Administración deberá dirixirse aos cidadáns, sen lascivia, atendendo á sexualidade que eles escolleron previamente.

3.

A Administración debe absterse de impoñer hábitos sexuais e de establecer cotas mínimas de calquera das opcións. Calquera coacción ou imposición neste sentido debe ser rexeitada por constituír unha clara vulneración da liberdade individual.

4.

Cremos que só os practicantes dunha ou doutra sexualidade son suxeitos de dereito, e non as sexualidades en si. As sexualidades non andan polo aire exhibindo os seus atributos, son as persoas as que os teñen. Consideramos que cando nun territorio existan varias sexualidades recoñecidas polo Estado, o seu ensino debe ser obrigatorio para quen así o desexe (por exemplo: os heterosexuais desexamos recibir unha educación non homosexual). Pero os pais deben ter liberdade de elección, de maneira que se un alumno prefire instruírse como homosexual existan colexios habilitados a tal efecto.

5.

Cómpre ter en conta que a homosexualidade e os seus usuarios teñen sufrido situacións de agravio no pasado remoto, o cal tampouco xustifica hoxe que se vulnere o dereito dos pais heterosexuais a evitar ás súas fillas escenas de lesbianismo explícito. Nos colexios onde se exerza ese tipo de ensinanza é necesario limitar as axudas públicas, de maneira que ninguén se sinta incentivado para abandonar a sexualidade na que se nota máis cómodo.

6.

Pensamos que, de existiren, as escolas declaradamente homosexuais deben situarse en lugares sempre illados das opcións libres, parecéndonos unha boa medida para evitar a discriminación que eses centros ocupen zonas rurais e pequenas poboacións onde os grupos de pervertidos –debido ás xa citadas situacións de agravio no pasado remoto- se foron concentrando silenciosamente.

7.

Vai contra a bisexualidade de Galicia que un profesor de matemáticas sexa invertido. Nada temos contra a homosexualidade no ambiente doméstico ou nas zonas vixiadas, pero a pedofilia é delito no territorio español e Galicia Bisexual acudirá aos xulgados ante calquera intento de proselitismo que desafíe a moral imperante.

8.

A modalidade para determinar na aula qué tipo de inclinación se ensina á nosa familia será a consulta vinculante aos pais (e ás nais, cando proceda), de xeito que:

-se o 49% (ou menos) dunha aula escollese a homosexualidade, o Estado garantirá que o resultado se asuma democraticamente e procederá á castración química dos menores que perderon a votación.

-no caso de que varios pais e nais opostos ao heterosexualismo se confabulen para superar o 50%, as comunidades que defenden a pervivencia da familia terán o dereito individual a solicitar un cambio de centro e, no seu caso, a esixir da Xunta que mediante sinais exteriores se facilite ao cidadán común a identificación rápida dese tipo de escolas e institutos.

9.

Sabemos que a ambigüidade sexual con tapadeira pedagóxica é un negocio a través do que certos desviados obteñen subvencións. O diñeiro institucional nunca debe servir para que –invocando os pequenos agravios do pasado remoto- clubs de sodomitas e fanáticas de inspiración lésbica se dediquen a intimidar na rúa a quen practicamos a única sexualidade cuxo fin é a perpetuación da especie humana.

10.

Que se prepare, que se prepare esa recua de enfermos que afirman experimentar pracer sexual blasfemando contra o corpo en prácticas condenadas de maneira moi explícita por todas as relixións solventes do mundo. A razón e a tolerancia están da nosa parte.

11.

Maruchi, te tengo dicho que como te vea otra vez con esa bollera asquerosa que debería ir a un médico te interno en las monjas concertadas de un hostión y lo más parecido a una mujer que te voy dejar van ser los dibujos de la Hello Kitty.


GALICIA ES BISEXUAL, PERO NOSOTROS NO


DEJEN TRANQUILOS A NUESTROS HIJOS


¡LIBERTAD, LIBERTAD, LIBERTAD!