Monday, January 19, 2009

Declaración de Intencións (de-voto)

Sempre pensei que era algo irreal. Que era unha ladaíña coa que nos quentaban a orella nos telexornais e máis na prensa, pero resulta que é certo, tan certo que me pasou a min. Si, meus sachadores e sachadoras, AS ENQUISAS DE INTENCIÓN DE VOTO EXISTEN!!!
E tanto existen que me fixeron unha a min. Vale, non dixeron en ningún momento a palabra voto nin partido político (igual é que por algunha desas normativas electorais que se me escapan está prohibido ou cousa parecida, non o sei) pero unha enquisa telefónica na que a cuestión é Como se definiría vostede ideolóxicamente? Por que? non creo que teña moitas máis utilidades.

O caso é que contestei con sinceridade (máis que nada porque non dei adiviñado de que partido político sería a amable moza que mo preguntaba. Senón a min pouco traballo me daba deixala contenta a ela e máis aos seus superiores) á primeira parte da pregunta,e para a segunda remitina a este blog, máis que nada porque non tiña tanto tempo como para respostarlle a por que penso o que penso. Sei que non vai ler isto nin de coña, pero como un trato é un trato vouno intentar contar aquí de xeito que se me entenda:

Nacín 26 anos atrás (polo que, como verás, querida enquisadora, estou fóra da vellice, o que practicamente excluiría o meu pensamento) nunha familia asentada no medio rural. Isto fixo que aprendera antes a imitar o son dos paxaros que a falar (ou case), cousa que, obviamente, fixen en galego. Ademais tiven sorte e fun a unha escola na que a lingua vehicular (cousa que en teoría é obvia, co 100% de alumnado galego-falante, pero que non se dá en moitos casos) era o galego, incluso nas clases de lingua castelá. Este feito permitiume falar a miña lingua ata o día de hoxe, e incluso convertela na miña profesión: si, son licenciado en filoloxía galega e profesor de galego na secundaria.

Outra faceta da miña vida que pervive dende a infancia é a música. Fíxenme gaiteiro (ou aprendiz de) aos cinco anos e, como saberás, "os vellos gaiteiros nunca morren", pero si que se reciclan, de maneira que fun pasando por diversos xéneros, pero sen saír nunca do ámbito da música tradicional, e o que ten máis mérito, sen caer na tentación das marcianadas ben subvencionadas ás que algúns chaman "bandas de gaitas". Agora estou no dique seco, pero sigo compoñendo cancións que ninguén escoitará nunca, e sempre en galego.

Igual non é bo ser máis papista que o papa, e tampouco o ha de ser ser máis pondaliano que Pondal, pero eu non podo evitar que, cando me ergo, na miña casa vexa por unha fiestra As Maroñas, por outra Brandoñas e Brandomil mentres que na cociña (tendo a levantarme máis ben tarde) arrecende xa ao pan que nos traen dende Arantón. Para ver A Piosa teño que saír a fóra, porque pola fiestra tápama un carballo case centenario que hai diante da miña porta.

Toda a vida vivín no campo e do campo, e é que, para colmo de males, son ademais gandeiro destes de toda a vida, dos que intentan facer da súa explotación unha corte, non unha nave industrial, e que viron como políticas estatais e europeas cambian de vento cada poucos anos, obrigándonos a empeñarnos para mercar cotas, eliminándoas...

A miña terra báñaa un río de sempre expoliado por certos señores sen moitos escrúpulos que se diga. Este é o primeiro río que ten unha billa na súa saída ao mar, e a nós non nos fan falta lendas que nos falen de cidades asulagadas porque cidades non, pero aldeas temos algunha asulagada por un dos encoros con máis superficie do estado. E digo asulagadas porque é como están normalmente, salvo cando un deses señores sen escrúpulos dos que falaba antes lle dá por baleiralo, facendo que morra unha parte ben importante da fauna do río, cousa que, ademais que por ser un ser humano en xeral, que xa debería ser suficiente, eu sonche tamén pescador, sen americanadas estrañas: cana natural das que temos na horta (si, seguimos tendo horta, non tarxeta de hipermercado) e miñoca de toda a vida.

En fin, que non sei se che valerá como explicación, pero puxen nela todo o meu interese, máis que nada porque me caeches moi ben, pero por se queres a versión resumida de todo isto, direiche que podería ter outra ideoloxía, pero sería un descastado.

Friday, November 28, 2008

Abelix provii (V)

Ola de novo!!!


Dicía o Aussías (March, para os non amigos) que nunca trigo negro deu pan branco, e nunca burro vello foi bo andador (e manda carallo, porque eses eloxios eran para a súa amada. En fin... os medievais, xa se sabe...).

Hoxe o Abélix Provii é unha contradición aos poemas de Aussías, porque nunca pensei ter que dedicarlle un epígrafe a un grupo que, que conste, teño canonizado.

Resulta que estes días ando sen antena da radio no coche (algunha, que se esquece de quitarlla e despois pasa o que pasa) teño os cd´s aprendidos de memoria, e non poido senón lamentarme ao detectar estrofas coma:

Coma un paxaro sen aire
atravesando o camiño
vives no teu mundo alleo
e fuxes do teu destiño*


Trátase de Fusco, un tema do segundo disco de Berrogüetto

A ver, eu entendo que as rimas consoantes quedar, o que é quedar, quedan ben máis chulas que as asoantes, pero chegar a estas cousas... Non sei, paréceme pasarse un pouco, non? E iso sen meterse coa forma verbal empregada que, en fin...

Pouco despois hai outra que non aparece neste compendio por problemas léxicos ou gramaticais, senón semánticos:

Non me queres ver de lonxe
nin de preto tan sequera (sic)
pasas diante dos meus ollos
coma se eu non estivera


A ver... Igual é que eu son medio finolis para estas cousas, pero eu creo que non é cuestión de "finolisicidade" pararse a pensar que é un tanto absurdo queixarse de que unha persoa que non nos quere nin ver ao lonxe, nos queira ver de preto. Paréceme un chisco Contradictio in Terminis, non?

En fin... Conste que o meu respecto cara este grupo é inmenso, e que este par de lagoas non abafan nin moito menos a súa calidade, pero aínda así, e á espera dunha edición dedicada a Ávalon (esa terá que ser publicada en varias tandas, porque aí si que hai para dedicarlle tempo) éncheseme o corazón de mágoa ao ter que dicirvos coma sempre Bks 1000! e a eles...

Destino, non destiño

Monday, October 06, 2008

Amodiño...

E é que é andando amodiño como mellor se ven as cousas...

Quizais nunca ningún/ha de vós probou nunca a ir a pouca velocidade pola estrada, e polo tanto non se parou a ler e a fixarse en todos e cada un dos sinais (de tipoloxía diversísima, pois agora ademais dos homologados para as estradas -os que aparecen nos libriños da autoescola cando facemos tests coma tolos para que nos dean o carné- coloca sinais todo o mundo: Deputacións, concellos, parroquias, asociacións de hosteleiros, comisións de festas e creo que ata o da panadaría da esquina).
Isto da bipolaridade fololóxico-gandeiril que me posúe permitiume facelo estes días (eu por min había ir amodo polo carallo, pero os axentes de Tráfico non están moi polo labor de que pasemos de 40, que disque xa tiñamos que ir a 25 e fan a vista gorda) e quedou para min marcada a sinalización dunha estrada en concreto que me fixo pensar ben, e volver a remexer na cachola a cuestión toponímica -que tan de moda está nestes tempos, ao ser o tema do que se ocupe o simposio ILGA´08, con presentación da denominada "parella da década" incluída- e a existencia, na que ata agora non reparara moito, dunha clase moi concreta de topónimos, e é a de palabras referidas ás vías de comunicación.
Explícome:
A estrada en cuestión (supoño que só aproximadamente, pois non creo eu que os nosos antepasados foran tan parvos coma para dar tantas curvas...) percorre o trazado polo que antigamente pasaba un Camiño Real e, quen sabe, se de xeito máis antigo incluso algunha calzada romana (por tirarse de fuciños non pasa nada, ou?), xa que é o mesmo itinerario que segue o Camiño de Santiago a Muxía e Fisterra. Pois ben, unha vez en antecedentes, comezo a soltar topónimos:

-Camiño Real: É unha das pequenas aldeas que hai ás beiras da estrada en cuestión. No significado do topónimo xa nin sequera entro, que me parece ata insultante.

- Piaxe: Disimilacións regresivas á parte (e para os que din que chamarlles peaxes ás das autoestradas é "galego de laboratorio" ben se ve o que puido ser os comezos desa poboación, e é que ben seguro que máis de un deixou alí uns bos cartiños para poder pasar.

- Cornado (,Marco do): Da selección de topónimos esclarecedores que estou poñendo, quizais este sexa o que ten máis aquel. Cando nos referimos a este termo, realmente remitímonos a dous lugares. Por un lado está a aldea do Cornado, que así "inprinsipiu" poderiamos relacionar con outros moitos topónimos próximos (mesmo hai quen di que esa é a orixe d´A Coruña) coma A Corna, Corneira, Cornanda, etc. que (e se meto a zoca non pasa nada que ha haber quen me corrixa) nos remite ao léxico da pedra, a zonas altas e de orografía agreste. Ben... A vós parécevos que o poría así se pensara iso? Non creo que me coñezades tan pouquiño, e é que o que me anda ás voltas na cabeza vén de dous factores. Por un lado está a existencia dun punto (hoxe hai un cruce de estradas, mais antigamente era un punto no medio do camiño, sen máis relevancia) denominado O Marco do Cornado que para máis INRI (e aquí vén o 2º factor) os velliños de alí (cear na casa da xente á que lle vas ensilar ten estas recompensas) relacionan cun marco, cunha pedra chea de inscricións que estaba chantada no lugar en cuestión e que hoxe, tristemente, está desaparecida, seguramente empregada para tapar algún fachanco (non é un erro tipográfico, aquí chamámoslle así) dalgunha leira. Isto lévame a pensar na posibilidade dun "Cornado" derivado de "Coronado". Tratándose dun punto relevante nun Camiño Real, creo que tería sentido pensar que nas inscricións da pedra en cuestión (xa postos a botarnos polas pozas mesmo vou dicir que incluso podería ser un Miliario) aparecera o nome dun rei, de aí o nome de Marco do Cor(o)nado...

Mentres sigo debullando a 40 Km/h neste termo, acábame de aparecer outra dúbida existencial deste tipo... Pesadoira, será un lugar no que se pesaban as mercadorías para pagar por elas, tipo fielato?...

Creo que vou ter que deixar Románicas que me está facendo moito mal, eh!

Bks 1000!

Thursday, September 04, 2008

Dedicatorias...

Nunca entendín a colocación das dedicatorias. Por que ao comezo? Non estou dicindo que non deberan ir ao comezo, senón que non sei por que precisamente aí...

Realmente, as dedicatorias, como paratexto que son, deberían ir ao longo de toda a obra, non? Vale, non vou ser iluso, e ben sei que iso é fisicamente imposible, pero non sei se as deberiamos reter e ter presentes durante toda a lectura. Outra opción, (por que non?) en vez de lelas ao comezo coma borreguiños, e sendo conscientes de que nós como lectores tamén estamos construíndo a obra literaria, deberíamola ler cando nos parecera mellor: cando nos apetecera, cando ao longo da lectura nos pareza necesario saber a quen se lle dedica, ao final, ao comezo, antes de mercar o libro, nesta lectura afamada que se fai na librería para ver cal mercar (igual só me pasa a min, pero cada vez que vou mercar un libro querería levar medio andel, e só me queda o recurso de pasar unhas poucas follas para ver sen cal deles non podería vivir, cousa que, por se alguén o dubidaba, deixa non poucas decepcións).

Seguindo coas dedicatorias, tamén hai nelas tipoloxías, pero vou destacar dous tipos: as que están en letra de imprensa e as que son escritas á man polos propios autores... É importante a súa diferenza, xa que as primeiras forman parte da obra e son máis xerais. As outras son feitas en concreto para aquela persoa que vai rematar a obra á hora de lela. Non digo que unha sexa máis importante que a outra, simplemente son diferentes...

Tampouco crin nunca no concepto de xeración. Sempre pensaba eu que era un truco dos críticos para organizar os autores, coma quen organiza os libros por cores e non por orde alfabética.

E chega o momento no que un comeza a lerse. Cando digo lerse non digo que lea as súas propias obras, senón que un se comeza a ler nas obras dos demais, e irremediablemente atopa relacións, atopa que o estudante que le libros en linguas totalmente descoñecidas sente o mesmo (ou algo ben parecido) ca Soliña cando ve marchar ese alguén "devagar, tal e como viñera". Non pode evitar viaxar ao ler a Dana tentando prender un pito baixo o forte nordés (Dana, sempre nordesÓn...)a un Roncudo en días de temporal no que deixar de fumar era ben doado.

Igual é que M. Victoria Moreno tiña máis razón que unha santa en Anagnórise cando dicía (e parafraseo, que levo tempo sen lelo) que un escritor queda marcado ao ir pasando páxinas na novela da súa vida, e é que o ser humano procura escribir e ler esas páxinas coa técnica da creación colectiva.

É entón cando un volve dubidar da existencia das xeracións, pois os creadores desa novela da vida van mudando, van e veñen, aparecen outros novos e, e boa mágoa nos dá, algúns deles tamén desaparecen... Logo, crer nas xeracións e coma crer na existencia dunha especie de "Vidas Paralelas".

Nese momento da "refleusión" un le historias de terras que deberían ser extrañas se Educación non o evitara, vai atopando A Feira, A Goá, o Saor real que está ao revés, Castro, Triabá, Caldaloba... e ve que a vida fai que eses espazos tamén aparezan na súa propia novela, coma se se empeñara en construir un macro-texto, ou polo menos en facer notoria a intertextualidade entre as novelas vitais de vidas que, máis que paralelas, son ondulatorias e se van cruzando entre si como fai o pelo crecho ao ar.

Eu son moito de ler as dedicatorias ao final, así que cando un xa está reflexionando sobre estes temas e ve obras dedicadas "aos meus amigos todos, que pasaron comigo as fortes invernías" ou "na que, sen que serva de precedente, os nomes están escritos en cristián" (perdón se non é literal, que cito de memoria)sabe que nunca aparecerá nun libro de literatura, nunca será un autor recoñecido, mesmo nunca chegará a escribir ou publicar unha obra, máis nunca lle poderán tirar o dereito, outorgado por un membro ao que se honra de chamar amigo, a pertencer a unha xeración.

Tuesday, July 15, 2008

Monólogo Interior

Por petición popular (Ulmo "ti es o pobo", para máis señas):



Temperatura exterior: 30 graos. Interior:25.
Velocidade:11 km/h. R. Motor:1500. R. TdF: 490

Emisora:
-Atento Koala, atento Koala! Cópiasme?
- Erre!
- Cando remates no Fial, tes que ir para o Fialiño!
- Erre, Erre!
Cd: "Al infierno se va por atajos, jeringas y recetas..."
Mente: " 3 concellos. 4 parroquias. 5 aldeas... Fial, Fialiño, Fiás... E todos terreos das mesmas características... Ummmm. Isto ten que ser unha ditongación derivada de "Feo", palabra perdida...
Radio: Marcha militar de "Aida", de Verdi.
Mente: "Porque, claro, en todos eles se recolle herba seca, o que en castelán se chama "Heno". Logo, supoñéndolle a conservación do F- a queda do -N- e vendo a solución castelán, o étimo ten que ser FENUM... Merdaaaaaaa! Alá vai outra forcada. Hai que mercar máis por forza...
Móbil:
-Tes para moito?
-Non sei, como para unha hora máis ou así...
-Cando acabes tes que ir aplicar foliar á nosa Algharea, e á Algharea de Grille.
-vale!
Emisora: Hei! Cambiámonos ao común, que aquí recibo moito ruído!
Cd: "A rula vaise queixando / de que lle viron o niño / quen cho mandou facer rula / tanto á beira do camiño".
Mente: "Este Paulo... A de veces que lle pediría investigar Algharea / Algharia... Dobre tracción, que isto está mollado e leva un 15% de patinado... 2 concellos, dúas parroquias, mesma palabra, mesmo tipo de terreo...
Cd: "En el cuaderno de bitácora de Tirso de Molina..."
Mente: Pois habería que ver en que máis sitios o hai... E máis se é o mesmo tipo de terreo... Debe denominar unha parte específicas das Agras porque...
Cd: "Pero la vida me demuestra lo contrario / Día a día voy matando / la esperanza de escapar..."
Mente: "Mimá! Que colacao mental! Con isto teño que actualizar o blog... Para que digan despois que un blog non pode ser a un tempo sobre lingua, música e agricultura..."

Tuesday, June 10, 2008

Chaira´s power!

Mira ti, mira ti:
Mira tu, mira tu:
Este é só un avance informativo dun post que igual tarda, pero há saír...
Pois parece que hai algún que non está respectando o acordo tácito, esa especie de lei non escrita pola que, a cambio de que el remexera na toponímia da miña zona, eu facía a licenciatura en filoloxía chairega, ademais de iniciar aos aborixes da zona na nobre arte da vida en xeral.

Espero que esta breve nota sirva para que se molle un pouquiño e actualice, se non quere que eu teña que escanear unha páxina do progreso...


Quedádevos co nome... Crónicas Chairegas...


Bks 1000!

Thursday, May 22, 2008

Se Veria volvese emerxer das augas...

Ola de novo!!!!

Antes de nada, dicir que xa sei que recibín o premio "Brillante weblog", pero a verdade é que, por cuestións de publicidade, dispoñibilidade das televisións e que o
"Star Sistem" galego está enredado co festival de Cans (non confundir co de Cannes, por favor!), teño que pospoñer a gala de entrega para outro momento, pero que se saiba que habela, o que é habela, vaina haber.

Non podía levar unha morea de tempo en "Montículo County" e non poñer algo de alí, así que despois dunha temporada "friki-agrícola", como di o Ulmo, cambio de lado do prisma desta miña personalidade múltiple para poñer o vídeo dun grupo de folk moi, moi, moi bo que hai aquí: Veria. Espero que Ulmo sexa responsable e serio e nos poña un comentario onde explique de onde vén o nome, que seguro que conta a lenda moito mellor que min, pero Veria vén sendo unha vila lendaria que quedou sulagada polas augas, e que conforma a Antártida local.

En canto á canción, pois é un romance de Ghaiteiro-sen-ghaita, coma tantas outras, máis esta versión acolle unha dozura que, sen dúbida, fai especial a versión. Ademais, con Saxo e Clarinete, coma nos anos duros de Airiños. Que tempos...

Velaquí:




E é que, como di o Ghullerme e matizo eu, "Se é que pouco máis ten unha que outra, porque o que conta é ter ghaita, carallo!"

Bks 1000!


P.S. Aínda que non me coñece (creo que si debeu oír falar de min) un saúdo e un bico para Tania, que non hai muller de Crisóstomo cunha voz máis bonita que a súa.